Lugo, única cidade galega seleccionada para explicar mañá o seu modelo sostible en CONAMA, no que participan 1.200 expertos

Lara Méndez, que exporá a súa aposta por transformar a cidade cara un urbanismo activo contra o cambio climático, compartirá mesa con Barcelona, Madrid e Salamanca.

O municipio está presente no foro por vez primeira, “o que reforza a nosa aposta por unha marca sostible e nos axudará a proxectala para captar investimentos e empresas verdes”.

Domingo, 30 de maio de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo, única cidade galega seleccionada para explicar mañá o seu modelo sostible en CONAMA, no que participan 1.200 expertos

Lugo é a única cidade galega seleccionada para explicar o seu modelo sostible no XV Congreso Nacional de Medio Ambiente, que organiza en Madrid a fundación Conama e que está considerado o maior encontro ambiental do país. No mesmo participarán 1.200 expertos de toda España que analizarán cara onde debe ir a recuperación da pandemia.

A alcaldesa, Lara Méndez exporá o luns pola tarde, na mesa de ‘Proxectos e estratexias de renovación urbana en cidades españolas”, a transformación na que se está a traballar en Lugo na loita contra o cambio climático desde un urbanismo respectuoso e sen impacto ambiental. A rexedora, trala súa exposición, compartirá debate cos concellos de Barcelona, Madrid e Salamanca.

Esta é a primeira vez que Lugo ten presenza neste foro, “recoñecemento que reforza o noso modelo de cidade, o que é un motivo de orgullo para o municipio. Suporá, ademais, un novo impulso para proxectar a marca sostible de Lugo e, polo tanto, unha enorme oportunidade de difusión fóra de Galicia que nos permitirá atraer empresas á cidade vinculadas coa economía verde”.

Por iso, a alcaldesa tamén avanzará en Madrid a Estratexia Lugo Transforma, que se puxo en marcha co fin de mobilizar o maior investimento económico da nosa historia con recursos propios, 12 millóns de euros, para atraer novos investimentos e crear postos de traballo, “axudando así a diversificar os sectores produtivos, agora excesivamente dependentes só do sector servizos”.

Lara Méndez avanzará neste foro os pasos que estivo a dar nos últimos seis anos para transformar Lugo fronte á emerxencia climática, non só a través do LIFE traballando nun urbanismo sostible a través da madeira de Galicia como elemento construtivo en prol de acadar tecidos urbanos resilientes, neutros en carbono e adaptados ás consecuencias e efectos do cambio climático, senón tamén cos cambios que suporá o DUSI na relación da cidade co Miño, co fin de mellorar a mobilidade e a accesibilidade cara a contorna fluvial protexendo, ao mesmo tempo, o barrio do Carme”.

O congreso, que se celebra baixo o lema ‘A recuperación que queremos’, desenvolverase en Madrid desde o 31 de maio ata o 3 de xuño, e Lugo participará na primeira xornada. Este foro organízase cada dous anos e, aínda que estaba programado en novembro de 2020, dada a incerteza xerada pola pandemia, a organización decidiu pospoñelo para as datas actuais.

Noticias relacionadas