Lugo ultima os preparativos para a súa Cabalgata de Reis, que contará con 4 carrozas e a diversión dos Festicultores

Melchor, Gaspar e Baltasar, xunto cos seus pequenos paxes, partirán ás 18:00 horas do Parque da Milagrosa, en distintas carrozas inspiradas nos contos de Disney e acompañados de grupos de música tradicional de Lugo e personaxes fantásticos

A Alcaldesa dará a benvida á cidade, na Praza Maior, ás Maxestades de Oriente, que repartirán máis de 3.000 paquetes de lambetadas aos nenos e nenas e máis de 2.000 quilos de caramelos

Xoves, 03 de xaneiro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Lugo ultima estes días os preparativos para a súa Cabalgata de Reis, contando atrás para recibir a agardada visita na cidade de Melchor, Gaspar e Baltasar. A cabalgata partirá este sábado, 5 de xaneiro, ás 18:00 horas do Parque da Milagrosa. As Maxestades de Oriente, subidas en distintas carrozas inspiradas nos contos de Disney, xunto cos seus paxes, percorrerán a rúa Monte Faro, Avenida da Coruña, Porta de San Fernando, Praza de Ferrol, rúa Bolaño Rivadeneira, rúa Quiroga Ballesteros, Prazo de Santo Domingo, rúa da Raíña e Praza Maior.

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada da Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, será a encargada de dar a benvida aos Reis Magos na súa chegada á cidade, diante da Casa Consistorial, onde haberá algunha actividade sorpresa. Posteriormente, as Maxestades de Oriente saudarán aos presentes dende o balcón, e posteriormente atenderán un por un aos pequenos e pequenas que queiran transladarlles as súas peticións. Neste encontro, Melchor, Gaspar e Baltasar agasallarán aos nenos e nenas cuns 3.000 paquetes de lambetadas e repartirán máis de 2.000 quilos de caramelos.

A chegada está prevista a partir das 19:15 horas para recibir a todos os nenos e nenas, aos que a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, convidou a gozar coa maxia e ilusión que desprenderá esta comitiva vistosa e chamativa, formada por 4 carrozas, as das tres Maxestades de Oriente e unha de chuches e paxes. Tamén participarán a Asociación Corazóns Artesáns e Somos Unidos por el Cáncer.

A xornada, coa que colabora, Abanca, Gadis, CaixaBank, o Centro Comercial As Termas e Carrefour, estará amenizada por distintos grupos de música tradicional de Lugo, ademais dos nenos e nenas que participaron no obradoiro de panxoliñas organizado polo Concello no Vello Cárcere ao longo do Nadal. Os Festicultores pecharán esta xornada lúdica e festiva, especialmente dirixida aos cativos e cativas, na que tamén haberá animación con diversos personaxes fantásticos.

Audio

  • A concelleira Carmen Basadre, sobre a cabalgata de reis | Descargar mp3

Noticias relacionadas