Lugo tínguese de morado para festexar o Día da Muller

A Casa Consistorial e a porta Bispo Aguirre da Muralla proxectarán dende mañá e até o día 13 a marca lucense ‘Mulleres con Forza’ para visibilizar o 8M.

O sábado a Praza Maior será escenario do espectáculo Quen ocupa esa cadeira? Especial Mulleres, de Escola Palimoco Teatro e Danza. A asistencia é libre.

Xoves, 03 de marzo de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Executivo de Lara Méndez reivindicará estas próximas semanas o feminismo e a igualdade para conmemorar o Día da Muller.

Os actos, segundo anunciou hoxe a concelleira responsable desta área, Silvia Alonso, arrincarán xa mañá coa proxección da marca lucense Mulleres con Forza na Porta Bispo Aguirre da Muralla e na Praza Maior, diante da Casa Consistorial, que se tinguirá de morado, unha iluminación que se manterá até o vindeiro domingo, día 13.

“Orgullosas do que somos, queremos visibilizalo en todos aqueles espazos emblemáticos da cidade como o mellor escenario para difundir unha mensaxe de defensa do feminismo e da igualdade entre homes e mulleres durante todo o ano”, sinalou a edil.

Silvia Alonso avanzou que “a programación deseñada foi pensada para chegar a todos os públicos en diferentes segmentos de idade, polo que se inclúen propostas variadas de gran calado artístico como espectáculos teatrais, musicais e mesmo exposicións, apostando pola concienciación e a sensibilización a través da actividade lúdica”.

Así, dentro das actividades – que serán seguras e se desenvolverán respectando todas as medidas sanitarias aínda en vigor – a veciñanza lucense poderá desfrutar xa este sábado, 5 de marzo, da intervención teatral Quen ocupa esa cadeira? Especial Mulleres, de Escola Palimoco Teatro e Danza, que terá lugar na Praza Maior (12:00 a 14:00 horas) e coa que se pretende achegar a realidade feminina a través dunha escolma de textos de mulleres. A asistencia é libre.

Noticias relacionadas