Lugo Smart City, o proxecto de cidade intelixente e sostible do Concello, distinguido polos Premios Ciudadanos 2016

Para a Alcaldesa, é “unha satisfacción total e absoluta e un orgullo que se recoñeza á cidade, e non soamente por esta aposta tecnolóxica, senón polo que suporá para mellorar o día a día de todos os lucenses”

Este distintivo é “un acicate relevante para continuar a traballar en recuperar espazos para a xente, neste caso e con este proxecto, de achegar a administración á veciñanza, grazas ás novas tecnoloxías”, subliñou Lara Méndez

Xoves, 24 de novembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo Smart City, o proxecto de cidade intelixente e sostible do Concello, distinguido polos Premios Ciudadanos 2016

O Concello de Lugo será recoñecido esta tarde, na XX Edición dos Premios Ciudadanos, polo seu compromiso coas cidades intelixentes e polo propio proxecto Lugo Smart City, unha iniciativa de 4,1 millóns de euros para convertir a Lugo nunha cidade intelixente e sostible, de cara a onde traballa o Goberno Local.

Para a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, é “unha satisfacción total e absoluta e un orgullo que se recoñeza á cidade, e non soamente por esta aposta tecnolóxica, senón polo que suporá para mellorar o día a día de todos os lucenses”. Nesta liña, a rexedora destacou que lograr este distintivo é “un acicate relevante para continuar a traballar en recuperar espazos para a xente, neste caso e con este proxecto, de achegar a administración aos veciños e veciñas, grazas ás novas tecnoloxías”.

Co Lugo Smart City, o Concello busca involucrar á cidadanía nos procesos administrativos da institución, para mellorar a prestación de servizos públicos locais a través de cambios nos modelos de xestión apoiados nas TIC. Con este proxecto crearanse plataformas da adminsitración electrónica para mellorar os procesos internos e a xestión intelixente de infraestruturas locais basadas en sistemas de xeolocalización, a xestión intelixente do aparcadoiro e a recollida de residuos sólidos urbanos, buscando a eficiencia enerxética en edificios públicos ou alumeado público, tanto no entorno urbano como rural, entre outros.

Nesta XX Edición dos Premios Ciudadanos, dentro da categoría de Smart City, serán galardoados, xunto ao Concello de Lugo, que foi o único proxecto presentado de xeito individual que acadou financiamento na II Convocatorias de Cidades Intelixentes do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo; as entidades locais de Segovia, Málaga, Cáceres e Valencia, así como a Deputación de Córdoba.

Premios Ciudadanos                                                     

Os premios Ciudadanos, concedidos pola asociación que leva o mesmo nome, recoñecen de maneira anual proxectos, institucións e traxectorias que destacaron ao longo do ano por pola posta en marcha de iniciativas repercutan sobre a mellor calidade de vida ou benestar da cidadína. As categorías convocadas nesta edición foron as de Solidariedade, Era Dixital, Cidades Intelixentes, Sostibilidade, e Responsabilidade Social e Corporativa. 

 Audio

  • Lara Méndez, sobre o recoñecemento de Lugo nos XX Premios Ciudadanos |Descargar mp3

Noticias relacionadas