Lugo será a primeira cidade galega en acoller a First Lego League

Luns, 10 de novembro de 2008
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O vindeiro 23 de novembro Lugo acollerá a competición First Lego League Galicia organizada polo Concello de Lugo e que foi presentada hoxe pola Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, o Vicerreitor da Universidade de Santiago de Compostela, Agustín Merino, o Decano do Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Lugo, Jorge Rivera, e o Director do CEFORE, Manuel Regueiro.

A Concelleira explicou que se trata dun programa internacional para mozas e mozos de 10 a 16 anos que combina un práctico programa interactivo de robótica cun ambiente deportivo. Equipos de 3 a 10 participantes traballan na construción dun robot, a resolución de problemas, e a preparación dun traballo investigación científica. Os participantes desenvolven habilidades creativas, pensamento analítico, comunicación e traballo en equipo, adquirindo coñecementos técnicos e científicos, fomentando os valores da innovación e da creatividade.

No torneo participarán 111 rapaces divididos en 16 equipos integrados por entre 4 e 10 nenos e nenas, de entre 10 e 16 anos, guiados por un adestrador. A maioría dos equipos son da provincia de Lugo, únicamente participarán dous da provincia de A Coruña (un de Ferrol e outro de Rois).

O valor educativo
Trátase dunha actividade cun importante valor educativo:
1. Promove o interese pola ciencia e a tecnoloxía entre escolares

2. O proceso de aprendizaxe que provoca no neno (método de ensaio/erro) produce unha análise e construción continuos.

3. O reto First Lego League supón un equilibrio entre a intensidade do esforzo a aplicar no desafío e o tempo necesario para resolvelo. O resultado é unha correcta aprendizaxe e unha constante motivación para aprender. O reto motiva aos mozos sen ningunha predisposición ás ciencias, matemáticas ou tecnoloxía, bastando para acollelos que teñan uns conceptos previos en varias áreas. Trátase dunha actividade que sementa nos que teñen máis experiencia novas ideas e conceptos, mentres que alenta a aprendizaxe de principios básicos entre os mozos con menos experiencia. Ademais os mozos tamén adquirirán importantes habilidades perdurables, talles como a planificación, a investigación, a colaboración e o traballo en equipo. O desafío de 2008 reta aos nenos a investigar e presentar solucións sobre como afecta o clima á comunidade. Trátase de identificar un problema que afecte á zona en que viven, analizar a información climática sobre o problema e descubrir que se está facendo para
resolvelo, así como buscar outra comunidade nalgún outro lugar do mundo que teña o mesmo problema e identificar as solucións nas que  eles están traballando. Para iso poden falar con expertos que traballen en temas relacionados co clima como climatólogos, granxeiros, axentes forestais, biólogos... Búscase ademais que cada equipo chegue a unha solución innovadora ou mellorar unha solución xa existente e que, unha vez investigada e desenvolvida unha solución, compartan o que aprenderon para crear conciencia sobre o problema e promover a súa solución.

Estrutura da competición
Os equipos compiten en dúas categorías:

1.- Presentación do Proxecto de Investigación Científica: os equipos deben realizar unha investigación científica relativa á temática da edición, neste caso o cambio climático.

2.- Competición contrarreloxo de robots: os equipos deben realizar cos seus robots o maior número posible das actividades do reto, cada unha das cales ten asignado un número determinado de puntos.

Presentación do Proxecto Técnico Robot: Ademais cada equipo defende ante un xurado, formado por 3 técnicos, a forma en que deseñaron o robot, o proceso que seguiron, as dificultades que atoparon e como as resolveron. O xurado valora tanto a eficacia do robot como os restantes aspectos do desenvolvemento do proxecto.

Obxectivos
Os participantes desenvolven habilidades creativas, pensamento analítico, comunicación e traballo en equipo, fomentando os valores da innovación e a creatividade.

Trátase dunha actividade na que se promove o interese pola tecnoloxía entre os escolares mediante un método (ensaio-erro) que conduce á análise e construción continuas, a través do deseño e fabricación dun robot feito con pezas existentes desde fai moitos anos, pero ás que debe dar unha nova aplicación. É dicir, trátase de xerar e pór en práctica  innovación.

A Concelleira explicou que unha actividade deste tipo supón para o Concello de Lugo o impulso e a promoción de proxectos académicos e de investigación cun alto impacto social, o recoñecemento da ciencia e a investigación como vías para a innovación e a creación de riqueza, a estimulación e promoción de vocacións científicas entre os estudantes de Educación Primaria e Educación Secundaria, e a promoción do espírito innovador. É dicir: estender entre os máis novos a semente da innovación adquirindo certas doses de pensamento crítico.

O desenvolvemento desta competición en Lugo permitirá achegar a innovación a nenos e adolescentes, e promover a aparición de novas inquietudes en favor do coñecemento científico entre futuros estudantes universitarios, o cal traducirase a medio e longo prazo nun incremento do número de titulados en carreiras técnicas e, consecuentemente, nun maior número de patentes creadas. A competición estará aberta ao público e  desenvolverase no Auditorio da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo, con capacidade para 700 persoas que poderán seguir en directo todos os detalles da competición.

 Premios:
Os premios que se outorgan son:

Premios principais (que outorgan o pase á Final Nacional):

-Premio á Mellor Innovación e Creatividade no Deseño de Robot
-Premio ao Mellor Proxecto Científico
-Premio ao Mellor Robot

Premios secundarios:

-Premio ás Novas Promesas
-Premio ao Mellor Traballo en Equipo
-Premio ao Mellor Adestrador
-Premio ao Mellor Espírito de Equipo
-Premio ao Mellor Deseño para Todos

Os trofeos para equipos consisten nunha copa feita con pezas de Lego.

O obxectivo desta competición é que participar sexa en si mesmo un premio, ao cal engádese a posibilidade de competir a nivel nacional e ata internacional. Así, os equipos gañadores na final nacional da edición 2007 competiron, a nivel internacional, no Open Asian Championship, en Xapón e no World Festival de Atlanta (USA).

Noticias relacionadas