Lugo réndese un ano máis á música clásica e barroca coa XLIV Semana de Música do Corpus, que a pasada edición reuniu a 3.500 persoas

A programación, que terá lugar do 14 de maio ao 11 de xuño, no MIHL, no Círculo das Artes e na Casa do Saber, inclúe ademais o III Festival Internacional de Órgano

Luns, 02 de maio de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo réndese un ano máis á música clásica e barroca coa XLIV Semana de Música do Corpus, que a pasada edición reuniu a 3.500 persoas

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, o representante da Sociedade Filharmónica de Lugo, José Luis Díaz e o director do Festival de Órgano, Luis Varela, presentaron a XLIV Semana de Música do Corpus, que terá lugar do 14 de maio ao 11 de xuño, no MIHL, no Círculo das Artes e na Casa do Saber da USC. Un ano máis, nesta semana tamén se inclúe no programa o III Festival Internacional de Órgano do Corpus Christi de Lugo, que se celebra entre o 27 de maio e o 3 de xuño, na Catedral de Lugo, e na Igrexa de Santiago A Nova, e que forma parte do ciclo europeo A música do peregrino. Ademais, o 21 de maio, haberá música nas rúas de Lugo a cargo do alumnado do conservatorio e das escolas de música, das 11:00 ás 20:00 horas.

Durante a presentación, Carmen Basadre subliñou o esforzo que realiza o Concello para garantir este festival, que recupera a música clásica e barroca, e que na pasada edición reuniu a 3.500 persoas. A edil tamén fixo fincapé na oportunidade que supón este festival para impulsar, dar a coñecer e divulgar a Catedral e o Camiño de Santiago, Bens Mundiais, a través deste festival de música, “que cos anos que leva, ten prestixio e ten calidade”.

Como noutras ocasións, daranse cita en Lugo prestixiosos músicos como os que compoñen a Orquestra Sinfónica Gaos, baixo a dirección do violinista David Grimal, o Quinteto Rubato e a Banda Filharmónica de Lugo, que actuará cos solitas Pablo Dopazo e Alex Troya. Neste festival tamén participará a pianista Dina Yoffe, así como o contratenor Damien Guillon, que virá acompañado de Cafe Zimmermann. Fahmi Alqhai, Eloqventia, a Orquestra Sinfónica de Galicia, baixo a batuta de J.M. Pérez Sierra, e Gli Incogniti completan o cartel desta nova edición da Semana de Música do Corpus.

Por outra banda, os encargados de poñerlle son ao Festival Internacional de Órgano, organizado polo Centro Eucarístico Lucense, son os músicos Jean-Christophe Geiser, Mario Ciferri, Roman Perucki, Guiulio Mercati e Juan de la Rubia. 

Audio

  • Carmen Basadre, sobre a XLIV Semana de Música do Corpus |Descargar mp3

Máis info

Noticias relacionadas