Lugo rende homenaxe ao pentacampeón mundial Javier Gómez Noya polo seu recente premio Princesa de Asturias

O galardón “pon en valor toda a traxectoria deportiva, 5 veces campión mundial, 9 veces número 1 e 4 veces campión de Europa, dunha persoa cun gran afán de superación no eido persoal”, subliñou a Alcaldesa

“A Corporación e todo o pobo de Lugo, na distancia, estaremos ao teu carón dándoche todo o ánimo para que veñas dos Xogos de Río cunha Medalla de Ouro, que estamos convencidos de que conseguirás”, asegurou Lara Méndez

Gómez Noya: “Neste ano tan importante, cos Xogos Olímpicos en só dous meses, decidimos facer a preparación final en Lugo, non por casualidade, senón porque reúne todas as condicións que necesitamos para adestrar”

Mércores, 15 de xuño de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo rende homenaxe ao pentacampeón mundial Javier Gómez Noya polo seu recente premio Princesa de Asturias

O Concello de Lugo recibiu este mércores a un visitante de excepción, o pentacampeón mundial de triatlón Javier Gómez Noya, a quen a Alcaldesa, Lara Méndez, e a Corporación municipal, en nome do pobo lucense, lle renderon homenaxe polo seu recente premio Princesa de Asturias na que foi a primeira recepción oficial que lle tributan ao deportista dende o fallo deste galardón. A Alcaldesa presidiu o acto, xunto a Concelleiro de Medio Rural e Deportes, Miguel Fernández, o adestrador de Gómez Noya, o lucense Carlos David Prieto, e o director do Club Cidade Fluvial de Triatlón, ao que pertence o deportista, Antonio Montecelo. Participaron representantes dos seis grupos políticos da Corporación.

Para o Concello “é unha honra recibir na casa de todos os lucenses a Gómez Noya, ao que tamén consideramos lucense e que fai ademais unha gran labor de embaixador da nosa cidade”, subliñou a Alcaldesa, que felicitou ao deportista polo premio Princesa de Asturias, un recoñecemento “que pon en valor toda a traxectoria deportiva, 5 veces campión mundial, 9 veces número 1 mundial, e 4 veces campión de Europa, dunha persoa cun gran afán de superación no eido persoal”. Méndez lembrou a “loita” de Noya por recuperar a licencia que lle fora retirada, “superándose e demostrando que unha persoa que ten unha meta e capacidade de superación pode lograr tantos éxitos coma el”. Por iso, engadiu, “non só din de Gómez Noya que é un gran deportista, senón que é unha gran persoa”.

A rexedora indicou así mesmo que o Princesa de Asturias “é un recoñecemento que, de forma moi xenerosa, Gómez Noya comparte co seu deporte e os deportistas que loitan para superarse no día a día, e que a veces se visualiza menos porque o eclipsan os deportes máis multitudinarios”.

Lara Méndez destacou os fortes vínculos do pentacampeón mundial con Lugo, “onde xa contamos en numerosas ocasións coa súa colaboración, quizais tamén porque o seu adestrador, lucense de pro, tira para a casa”. Por iso, “os lucenses nos sentimos partícipes do seu palmarés e dos recoñecementos que recibe”, sinalou.

A Alcaldesa desexou sorte e triunfos a Gómez Noya nos Xogos de Río, asegurando que a Corporación e todo o pobo de Lugo, na distancia, estaremos ao teu carón dándoche todo o ánimo para que veñas cunha Medalla de Ouro, que estamos convencidos de que conseguirás, e que de novo veñas a Lugo para ensinárnola”.

En Lugo, “como na casa”

Pola súa banda, Gómez Noya agradeceu á rexedora e á Corporación o recibimento. “Estar en Lugo é como estar na miña casa”, afirmou; “levo competindo 16 anos xa no Cidade Fluvial, o meu adestrador é lucense, e xa estiven competín aquí en múltiples ocasións”.

“Neste ano tan importante, cos Xogos Olímpicos en só dous meses”, explicou,  “decidimos facer a preparación final en Lugo, non por casualidade, senón porque reúne todas as condicións que necesitamos para adestrar. Tedes un entorno ideal para practicar o triatlón e outros moitos deportes, moi bos espazos para correr, moi boas estradas polos arredores para a bicicleta, boas piscinas, e tranquilidade, que é o que buscamos tamén nestes meses tan esixentes a nivel de adestramento”.

Gómez Noya expresou o seu agradecemento aos lucenses “que me animan cando me ven adestrando polos camiños ou na bicicleta”, e dixo confiar en que “esa preparación dea bos resultados nos Xogos Olímpicos e nas próximas competicións que vou ter, e que poidamos celebrar algo dentro duns meses”. Avanzou así mesmo que os seus plans pasan por adestrar en Lugo e competir ata os Xogos de Río nalgunha carreira, entre elas o Triatlón do Miño, unha proba “de recoñecido prestixio na que vai haber moi bo nivel”.

Para finalizar o acto, a Alcaldesa entregou a Noya como agasallo institucional unha peza de cerámica que reproduce a Mosquera, elaborada polos integrantes de ASPNAIS.

Noticias relacionadas