Lugo reivindicará a igualdade o 25N cun programa de actividades ao longo da mañá e da tarde

Ana Abelleira e Carmen Basadre presentaron a programación, que inclúe a presentación dun libro, a tradicional ofrenda floral, unha solta de globos, un photocall e a plantación dunha árbore, entre outras

A cidade converteuse dende o venres e ata o vindeiro luns en espazo libre de violencias machistas, coa campaña Lugo en Negro, á que se sumaron preto de 300 establecementos, institucións e colectivos vestindo de loito

Martes, 22 de novembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo reivindicará a igualdade o 25N cun programa de actividades ao longo da mañá e da tarde

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana Abelleira, e a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, presentaron este martes no Salón de Comisións as actividades organizadas polo Concello para reivindicar a igualdade o vindeiro venres, 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia e Xénero.

Tal e como indicou a edil de benestar, os actos comezarán ás 11:00 horas, no Salón de Plenos do Concello, coa presentación do libro As miñas fillas devolvéronme a vida, unha historia real escrita por unha vítima deste terrorismo mahista, Inés Fernández Lamela. Media hora máis tarde, terá lugar a entrega dos premios dos certames de deseño gráfico contra a violencia de xénero, cuxo gañador é o cartel anunciador das actividades a realizar, e de fotografía, Revelando o machismo. Como é habitual, ás 12:00 horas celebrarase a tradicional ofrenda floral como homenaxe ás mulleres vítimas da violencia, e a lectura dun manifesto, ao que nesta ocasión poñerá voz unha árbitro, diante da árbore da vida de Santo Domingo. Tras a lectura, actuarán Ruth León, David Taboada e Adrián Vigo.

Ás 13:00 horas, en colaboración con distintas asociacións, clubs deportivos e centros educativos, roderarase a Muralla de negro, coa posterior solta de globos en cada unha das dez portas da Muralla.

Xa en xornada de tarde, diante da Casa do Concello, ás 17:00 horas, a Fundación Juan Soñador levará  a cabo a realización dun mural de expresión artística colectiva e dun photocall con mensaxes a favor da igualdade.

Por outra banda, a área de xuventude ten preparadas máis accións reivindicativas da igualdade, demandadas polos mozas e mozas que participan habitualmente nas actividades na Casa da Xuventude. Unha delas é a actividade viral Desafío Maniquí, con moito éxito nas redes sociais, que consiste en parar ao longo duns 3-5 minutos das labores diarias. Isto gravarase e difundiarase nas redes sociais. Será ás 19:30 horas na Casa da Xuventude. Posteriormente, prantarase unha árbore e haberá música tradicional galega. “Facémolo porque cremos que é importante ter en conta aos máis cativos e cativas e aos mozos e mozas para concienciar desta problemática en idades temperás”, subliñou Basadre.

Preto de 300 establecementos libres de violencias machistas

Dende o pasado venres, a cidade converteuse nun espazo libre de violencias machistas, coa campaña Lugo en Negro, á que sumaron preto de 300 establecementos e entidades sociais da cidade vestindo de loito, aos que a edil lles quixo agradecer publicamente a súa participación. Tal e como recoñeceu Abelleira, esta iniciativa, que se leva a cabo en 17 concellos galegos, e na que participan preto de 2.500 comercios, clubs deportivos, institucións e asociacións galegas, entre outros, está tendo un impacto social importante, posto que todos envían a mesma mensaxe de sensibilización en contra da violencia de xénero.  “Todos temos que aportar un graniño de area para acabar con este lacra, que no que vai de ano asasinou a 39 mulleres”, subliñou Abelleira.

Camiño contra a violencia

Mañá mércores, a cidade camiñará contra a violencia, grazas a unha iniciativa dos alumnos e traballadores da Fundación TIC. Trátase dunha andaina que arrincará ás 11:30 horas da Praza de San Marcos, onde haberá unha posta en escena que inclúe fotografía, danza e música, e na que colabora a USC con bailaríns e o coreógrafo Juan Carlos Zahera. Todos os cidadáns que se animen a participar na marcha recibirán unha camiseta negra co logotipo da campaña de Lugo en negro.

Os participantes seguirán as pegadas ata a Praza Maior. Alí proxectaranse escenas de películas, a maioría de cine clásico, entre outras, de China Town ou Te doy mis ojos, nas que se amosará a violencia encuberta. A marcha atravesará a Praza de Santa María e fará unha nova parada na Porta de Santiago. No monumento Patrimonio da Humanidade actuará un mimo. O recorrido rematará na Escola de Imaxe e Son, que recibirá aos participantes vestida de loito en sinal de dó polas vítimas de xénero.

Audio

  • Carmen Basadre, sobre as actividades de reivindicación da igualdade no 25N |Descargar mp3
  • Ana Abelleira, sobre as actividades de reivindicación da igualdade no 25N |Descargar mp3

Máis info

Multimedia

  • Lugo reivindicará a igualdade o 25N cun programa de actividades ao longo da mañá e da tarde

Noticias relacionadas