Lugo recuperará outras 21 vivendas no casco histórico grazas a axudas de rehabilitación por un total de 138.000 euros

A Xunta de Goberno deste mércores aprobará as bases destas axudas, que se poderán solicitar durante 20 días hábiles tras a súa publicación na Base Nacional de Datos de Subvencións, do Ministerio de Facenda

As actuacións recibirán un máximo de 11.000 euros por vivenda

Martes, 28 de xuño de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno deste mércores aprobará as bases das subvencións da 14ª fase das axudas á rehabilitación do centro histórico de Lugo, que se poderán solicitar durante 20 días hábiles tras a súa publicación na Base Nacional de Datos de Subvencións, dependente do Ministerio de Facenda. Así o anunciou este martes o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, quen subliñou que esta convocatoria obedece a un acordo asinado entre o Concello e o Ministerio de Fomento a través do Plan Estatal de Fomento de Alugamento de Vivendas, a Rehabilitación Edificatoria e a Rexeneración e Renovación Urbana 2013-2016, para o que se destinan preto de 138.000 euros neste 2016.

Con estas novas axudas, rehabilitaranse un mínimo de 21 vivendas no caso histórico da cidade, actuacións que recibirán un máximo de 11.000 euros de axuda por vivenda e estarán principalmente dirixidas a corrixir patoloxías de orixe estrutural, humidades, filtracións e illamento térmico, así como favorecer a eficiencia enerxética e a accesibilidade. A recuperación dos inmobles executarase neste ano debendo xustificar ditas obras antes do 30 de novembro.

Daniel Piñeiro subliñou a importancia deste tipo de actuacións para a rehabilitación do centro histórico da cidade, ao tempo que lembrou que dende a declaración da Área de Rehabilitación Integral (ARI) en Lugo, no ano 1995, desenvolvéronse 13 fases grazas ás que se rehabilitaron máis de 600 vivendas. Nesta liña, puxo en valor os beneficios das axudas, “tanto para a rehabilitación do noso casco histórico, como polo aforro que lle supón aos veciños que queren mellorar a súa vivenda como polo impulso ao sector da construción”. 

As bases publicaranse no Boletín Oficial da Provincia (BOP), así como no taboleiro de edictos e na páxina web do Concello. As solicitudes, tanto para vivendas como para edificios, deberán presentarse nas oficinas de Evislusa, no Centro de Convivencia Uxío Novoneyra, onde ademais os interesados poderán obter máis información. O prazo máximo para resolver a resolución será de 3 meses, contados a partir do día seguinte ao do remate da presentación de solicitudes.

Audio

  • Daniel Piñeiro, Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal | Descargar mp3

Noticias relacionadas