Lugo recorre España en autobús

A campaña Vén, é Lugo lucirá na traseira dun autobús Alsa ata o 31 de outubro, recorrendo Madrid, Valladolid e Palencia

Martes, 08 de marzo de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo recorre España en autobús

O Concello de Lugo continúa coa campaña promocional Ven, é Lugo, que se presentou o pasado mes de xaneiro no marco da 36ª edición da Feira Internacional de Turismo (FITUR). Así o anunciou a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, quen deu a coñecer que esta campaña se mostrará ata o 31 de outubro na traseira dun autobús da compañía Alsa, que recorrerá Madrid, Valladolid e Palencia, un recurso que xa empregou o Concello en campañas anteriores.

A Concelleira cualificou como “máis que positiva e rendible” esta inserción publicitaria posto que “con este tipo de accións ensínase a cidade e refórzase a presenza de Lugo nos puntos susceptibles de aportar turistas a Lugo, sendo os madrileños os que están á cabeza de visitantes nacionais en febreiro e recibindo no que vai de ano máis de 800 turistas procedentes de Madrid e Castela e León”. Ademais, Carmen Basadre asegurou que “a mobilidade do anuncio permitirá unha presenza constante na estrada do noso recurso estrela, a Muralla, para que todos os viaxeiros que o leven diante o poidan ver e se lembren de Lugo”.

Neste senso, a edil manifestou o obxectivo que persegue o Concello con esta campaña, que é reverter nun dos motores económicos da cidade, o turismo, que no pasado ano 2015 rexistrou en Lugo un incremento do 8,5% en rendibilidade hoteleira e un 3,5% en emprego turístico, achegándose a cidade máis de 40.600 visitantes, un 5% máis que no 2014.

Audio

Noticias relacionadas