Lugo, recoñecida como Cidade Mapcesible polo seu compromiso coa mellora da mobilidade

Ampliación de beirarrúas, transporte público adaptado ou prazas de estacionamento reguladas son algunhas das actuacións polas que o Concello recibe este recoñecemento, que recolleu a Alcaldesa de mans da Fundación Telefónica

Luns, 14 de xaneiro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo, recoñecida como Cidade Mapcesible polo seu compromiso coa mellora da mobilidade

A Alcaldesa, Lara Méndez, recibiu este luns de mans da Fundación Telefónica o recoñecemento de Lugo como Cidade Mapcesible polo  compromiso e labor de sensibilización do Concello na accesibilidade dos espazos públicos. Accións como a ampliación de beirarrúas, zonas estacionais, pasos de peóns rebaixados, transporte público adaptado, prazas de estacionamento reguladas, mellora da accesibilidade a persoas con discapacidade ao patrimonio histórico e cultural ou a accesibilidade da web municipal son algunhas das medidas con impacto directo na accesibilidade polas que Lugo recibe este recoñecemento, que outorga Telefónica ás cidades máis accesibles de España.

Trala entrega do diploma, celebrada no patio central do Vello Cárcere, un grupo de voluntarios e voluntarias de Telefónica e integrantes da asociación Auxilia, xunto á Alcaldesa; Aquilino Iglesias, o presidente de Auxilia; Joan Cruz, director de relacións institucionais da Fundación Telefónica; Marta Menéndez, directora autonómica de Telefónica Galicia; e Luis Rojo, responsable de relaciones institucionais de Fundación Telefónica, realizaron un percorrido a pé mapeando a accesibilidade de diferentes espazos da cidade. Para elo, utilizaron Mapcesible, unha aplicación para dispositivos móbiles desenvolvida pola Fundación Telefónica que permite de maneira intuitiva avaliar a  accesibilidade dos lugares de acceso público.

Baixo o lema Fai visible o accesible, a App Mapcesible nace co obxectivo de ser unha plataforma colaborativa na que calquera persoa, teña ou non mobilidade reducida, poida mapear a accesibilidade dos lugares que visita ou consultar as valoracións para planificar os seus desprazamentos diarios. Deste xeito, é posible localizar de maneira sinxela os puntos accesibles en España facilitando, grazas á tecnoloxía, o día a día das persoas con mobilidade reducida.

Multimedia

  • Lugo, recoñecida como Cidade Mapcesible polo seu compromiso coa mellora da mobilidade

Noticias relacionadas