Lugo a provincia galega máis sensibilizada no debate, a difusión e a loita contra a trata e o tráfico de persoas en Latinoamérica

Xoves, 05 de xuño de 2008
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo e a Delegación de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia comprometeron os seus esforzos e a súa participación no Primeiro Congreso Latinoamericano sobre Trata e Tráfico de persoas que se está a realizar na Facultade de Ciencias Sociais de Bos Aires entre os días 4, 5 e 6 de xuño.

A artista Luz Darriba desenvolverá unha acción o día 7 de xuño na cidade arxentina, denominada “Cuestión de xénero”, sobre a loita contra a trata e o tráfico de mulleres e nenas no mundo. Así mesmo, a Concelleira Carmen Basadre Vázquez, quen non puido estar presente no Congreso por razóns de axenda, tomou o compromiso, a través da súa Concellería e de Foeminas Revista Virtual de Xénero, de crear unha rede global contra a trata e o tráfico de persoas, especialmente en Latinoamérica. Este flaxelo da trata e o tráfico teñen un percorrido que se inicia nos países máis pobres de Latinoamérica sendo o seu lugar de destino os países europeos principalmente o estado español e Italia e tamén Estados Unidos.

As palabras da Concelleira Carmen Basadre Vázquez con relación a este Congreso e á súa organización foron as seguintes: “Desexo felicitarlles por organizar un evento tan necesario para visibilizar e combater un problema que afecta especialmente ás mulleres de todos os recunchos do mundo. Se a violencia contra as mulleres é un dos obstáculos para conseguir a igualdade plena, todos e todas debemos esforzarnos en atopar solucións e poñer os medios necesarios para terminar con esta lacra mundial. Como muller e responsable política deséxolles éxito e síntome presente e representada con vostedes nesta loita contra o tráfico de seres humanos e contra a violencia cara ás mulleres”.

Para rematar, queda engadir que este Congreso conta cun tema musical do artista lucense Jose Lemur, quen compuxo especialmente para esta ocasión a peza denominada “O repudio de Agar” e que pode escoitarse en
http://www.virb.com/joselemur/music/albums/63525

Pódese consultar o programa do Congreso en:
http://congresotrata2008.wordpress.com/mesas-y-paneles/

Noticias relacionadas