Lugo, presente na 12ª Conferencia Internacional de Cidades polo Comercio Xusto

Rosana Rielo vén de asisitr a esta cita, na que se reuniron máis de 250 persoas de 40 países. Para a edil, participar neste encontro anual significa fortalecer o compromiso de Lugo co Comercio Xusto

Luns, 22 de outubro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo, presente na 12ª Conferencia Internacional de Cidades polo Comercio Xusto

A Concelleira de Concello e Cidadanía, Rosana Rielo, vén de asistir a 12ª Conferencia Internacional de Cidades polo Comercio Xusto, organizada por Fundación IDEAS. Lugo estivo presente nesta cita de referencia neste eido, que busca intercambio e coñecemento entre as e os participantes; dentro da súa aposta por converterse na primeira cidade de Galicia polo Comercio Xusto, un obxectivo no que traballa dende hai anos o Concello en colaboración con entidades sen ánimo de lucro e colectivos sociais e económicos. De feito, a este encontro tamén asistiu unha representación de Lugo Xusta.

En total, máis de 250 persoas de 40 países reuníronse nesta conferencia, que se celebrou na Cineteca Madrid co lema Consumo sostible para o cuidado da vida. Entre os temas que se trataron destacan a Compra Pública Ética, os criterios de equidade de xénero nos grupos produtores, banca ética, migracións e solidariedade nas cidades polo comercio xusto coas persoas refuxiadas.

Para Rosana Rielo, participar neste encontro anual, significa fortalecer o compromiso de Lugo co Comercio Xusto e apostar ademais por el como ferramenta de cooperación e desenvolvemento sostible, premisas que comparte o Goberno de Lugo. De feito, o Concello impulsa o Consumo Responsable e Comercio Xusto, ofrecendo produtos de comercio xusto dentro das cafeterías de instalacións municipais e máquinas de vending, ou apoiando accións de sensibilización e comunicación á cidadanía, ademais de participar activamente na creación dun grupo de traballo local a prol do comercio xusto, entre outras accións.

Noticias relacionadas