Lugo prepárase para unha fin de semana a todo motor co XiraKarting

Miguel Fernández, Francisco González, Iria Rodríguez e Maite Vilanova presentaron este evento lúdico deportivo, que permanecerá instalado en Augas Férreas dende venres a domingo

Mércores, 20 de xuño de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo prepárase para unha fin de semana a todo motor co XiraKarting

Lugo prepárase para unha fin de semana a todo motor, coa 12ª edición de XiraKarting, un evento pionerio de kárting móbil en Galicia, que foi presentado este mércores, na Sala de Usos Múltiples do Edificio de Novas Tecnoloxías, polo Voceiro Municipal, Miguel Fernández, e o responsable do evento, Francisco González. Esta actividade lúdico deportiva recala por terceiro ano consecutivo na cidade, nesta ocasión na Praza de Augas Férreas. 

No acto, no que tamén estivo a encargada de Responsabilidade Social Corporativa de Gadisa, Iria Rodríguez e a vicepresidenta da Federación Galega de Automobilismo, Maite Vilanova; Fernández puxo en valor esta iniciativa, unha oportunidade para achegar o motor á familia e de facelo incentivando a conducción responsable dos moitos nenos e nenas que participarán nesta cita. Así mesmo, subliñou que é tamén unha oportunidade para dinamizar a vida diaria desta zona da cidade.

O Voceiro quixo facer fincapé nunha das novidades deste ano, o proxecto Muller é motor, para potenciar a presenza feminina no automobilismo. Nesta liña insistiu Vilanova, que chamou á integración da muller neste deporte e a participar neste circuíto.

Pola súa banda, González agradeceu ao Concello o apoio prestado a esta actividade, "socio imprescindible para poder chegar á cidade" e pola axuda para poder desenvolver un ano máis Xirakarting en Lugo, onde se estreará, como actividade complementaria, unha xornada aberta gratuíta para mulleres, o domingo, en xornada de tarde.

Horarios e actividades

Xirakarting é unha actividade dirixida tanto ás e aos máis cativos como a adultos, que pretende achegar, a través de circuítos urbanos de karts, o mundo do motor ás familias de xeito económico. Este evento arrincará o venres 22 e continuará o sábado 23 e o domingo 24 de xuño, en horario de 12:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 21:30 horas. Logo desprazarase a Coruña, Vigo e As Pontes. A entrada de adulto custa 15 euros e a dos cativos, 10 euros, con mangas de 7 minutos. Pódense conseguir descontos nas redes sociais oficiais de Xirakarting e invitacións e vales en Gadis, tal e como explicou Iria Rodríguez. Ademais existen promocións para familias, mozos, grupos e para conductoras.

Esta duodécima edición volve incluír probas puntuales para a competición dos máis pequenos, de 4 a 7 anos, a denominada Rockies Cup, co obxectivo de xerar canteira de pilotos en Galicia. Para o mellor participante, haberá unha beca. Ademais de circuítos de karts, neste evento haberá outras alternativas de lecer como hinchables. Tamén se realizarán xornadas de portas abertas con formación impartida por Ernesto Vázquez, instructor de One Seven Racing, na escola CKarting, de forma gratuíta, para os nenos e nenas de 4 a 7 anos, o domingo de 12:00 a 16:00 horas

Máis información na web www.xirakarting.com e nas redes sociais desta cita.

Noticias relacionadas