Lugo prepárase para a cabalgata dos Reis Magos

As Maxestades de Oriente, que partirán ás 18:00 horas do Parque da Milagrosa, rematarán na Casa Consistorial se as condicións metereolóxicas o permiten

Na cabalgata participarán máis de 250 persoas e repartiranse 1.500 quilos de caramelos, todos eles sen gluten, e 3.000 paquetes de lambetadas

Martes, 05 de xaneiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo está a ultimar os detalles da tradicional cabalgata de Reis, que partirá este martes, ás 18:00 horas, do Parque da Milagrosa. As carrozas das Maxestades de Oriente percorrerán a rúa Monte Faro, a Avenida da Coruña, a Ronda da Muralla –entrada pola porta de San Fernando- e baixarán pola rúa Bolaño Rivadeneira, rúa Quiroga Ballesteros, Praza de Santo Domingo e rúa da Raíña para rematar, aproximadamente ás 19:00 horas, na Praza Maior. Non en ván, se as condicións metereolóxicas empeoran e as precipitacións son intensas, os Reis Magos desprazaranse en autobús urbano e tras este itinerario trasladaranse ao Pavillón Municipal dos Deportes, onde tería lugar a recepción.

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada por outros membros da Corporación Municipal, dará a benvida a Melchor, Gaspar e Baltasar. A continuación, os Reis Magos dirixiranse a todos os lucenses e visitantes congregados na Praza Maior dende o balcón da Casa Consistorial. Para finalizar, recibirán a todos os nenos e nenas que queiran trasladarlles as súas peticións e daranlles como agasallo un paquete de lambetadas. O Concello ten preparados 3.000 paquetes de doces, dos que 200 serán especiais para diabéticos.

Durante a cabalgata, a comitiva repartirá uns 1.500 quilos de caramelos sen gluten. Neste paseo real participarán máis de 250 persoas, entre as que se atopan os figurantes e artistas, os membros da organización e os axentes da Policía Local e Protección Civil de Lugo, que velarán pola seguridade dos lucenses e visitantes. A xornada estará amenizada por grupos teatrais de Lugo como Achádego, Hipócrita e Nova Escena, polo grupo de música tradicional Reviravolta, a Banda Municipal de Lugo, un grupo de percusión e o grupo de animación Ale-hop.

Noticias relacionadas