Lugo posiciónase en FITUR 2017 como “municipio sostible, integrador, accesible, hospitalario e aberto a todos”

“Non hai un só motivo polo que non acudir a Lugo”, asegurou con convicción a Alcaldesa, ao tempo que puxo en valor os 98.134 motivos que si hai para visitar Lugo, 98.134 veciños e veciñas que fan de Lugo un municipio de futuro

Lugo está de moda. Para demostralo, Lara Méndez remitiuse aos datos rexistrados pola Oficina Municipal de Turismo o pasado ano 2016, que recibiu a máis de 46.600 visitantes, un 13% máis que o ano anterior

Carmen Basadre avanzou que o Arde Lucus, que protagonizou o outro vídeo presentado hoxe, foi distinguido pola Rede Mundial de Cidades e Gobernos Locais Unidos como unha das boas prácticas a implantar na axenda 21 da cultura

A Alcaldesa presentará mañá nesta feira os festexos do San Froilán, declarados de interese turístico galego e nacional

Xoves, 19 de xaneiro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo posiciónase en FITUR 2017 como “municipio sostible, integrador, accesible, hospitalario e aberto a todos”

O Concello presentou este xoves no marco da 37ª Feira Internacional de Turismo (FITUR), que se celebra no recinto feiral IFEMA ata o vindeiro domingo, a segunda edición da campaña turística promocional Ven, é Lugo, que este ano ensalzaba o patrimonio medioambiental do municipio, aproveitando que a Asemblea Xeral das Nacións Unidas dedicou este ano ao Turismo Sostible para o Desenvolvemento.

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, conduciu o acto, no que tamén interviñeron o Presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, e o Delegado Territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro. A Alcaldesa, Lara Méndez, puxo o broche de ouro á presentación, que foi presenciada por numeroso público, entre autoridades, turoperadores, blogueiros e especialistas da comunicación turística.

Na súa intervención, a rexedora falou das excelencias de Lugo, tres veces inscrito na lista do Patrimonio Mundial da UNESCO, o que contribúe a que España sexa o terceiro país con máis Bens Mundiais. Méndez amosouse orgullosa pola riqueza medioambiental do municipio, como o cinto verde de máis de 10 quilómetros que recorre a cidade, á beira do río Miño e o río Rato, ou os máis de 300 quilómetros da zona rural, ou pola súa historia. Pero Lugo tampouco renuncia ao seu futuro, segundo quixo destacar Méndez, quen lembrou a consecución do proxecto Muramiñae ou os galardóns de Destino Turístico Accesible.

Lugo está de moda. Para demostralo, Lara Méndez remitiuse aos datos rexistrados pola Oficina Municipal de Turismo o pasado ano 2016, que recibiu a máis de 46.600 visitantes, un 13% máis que o ano anterior, converténdose en capital internacional, pois foron máis de 7.300 os turistas estranxeiros, entre americanos, franceses, italianos ou alemáns , entre outros.

Deste xeito, a Alcaldesa posicionou nesta feira de referencia do turismo a Lugo como “municipio sostible, integrador, accesible, hospitalario e aberto a todos”, ademais de subliñar a aposta do Goberno polo turismo, anunciando a posta en marcha  do Consello Municipal de Turismo.

“Non hai un só motivo polo que non acudir a Lugo”, asegurou con convicción a Alcaldesa, ao tempo que puxo en valor os 98.134 motivos que hai para visitar Lugo, 98.134 veciños e veciñas que agardan a todos os visitantes cos brazos abertos  que fan de Lugo un municipio de futuro.

Nesta vertente máis popular tamén incidiu Basadre, quen vendeu o potencial gastronómico do municipio, así como as festexos do Arde Lucus, do que se puido visualizar hoxe unha proxección durante o acto, e que foi distinguido pola Rede Mundial de Cidades e Gobernos Locais Unidos como unha das boas prácticas a implantar na axenda 21 da cultura, e do San Froilán, festas que presentará mañá a Alcaldesa. “Lugo é un museo vivo, no que o pasado romano está presente en cada recuncho. É patrimonio, é natureza e é un cruce de camiños”, afirmou a edil.

#VenÉLugo

No acto, presentouse un vídeo promocional do municipio. Na montaxe de Ven, é Lugo, pódense ver os tres Bens Mundiais, así como descubrir as reliquias romanas, medievais ou barrocas, como a propia Casa Consistorial, que atesoura o municipio. A Ponte Romana, o casco histórico da cidade ou o MIHL son outros dos elementos que se poden visualizar neste vídeo. Ademais deste material de promoción, o Concello reparte en FITUR máis de 4.000 folletos, así como guías, planos ou marcapáxinas nesta feira, que prevé superar os preto de 232.000 visitantes da edición anterior.

Convenio Grupo Alsa

Por outra banda, o Concello e o Grupo Alsa asinaron de novo un convenio para apoiar e participar no Arde Lvcvs. Grazas ao convenio asinado hoxe, os viaxeiros que se queiran achegar a Lugo a gozar desta festa de recreación histórica, que se celebrará os días 30 de xuño e 1 e 2 de xullo, terán un desconto do 25% nas viaxes con destino ou saída Lugo días antes e días despois das festas. 

Noticias relacionadas