Lugo participa na marcha ciclista unificada de Special Olympics, que reunirá na cidade a máis de 100 deportistas

A Alcaldesa, o Vicepresidente da Deputación, e os presidentes de Special Olympics e ASPNAIS presentaron esta proba, que chegará á Praza de San Marcos ás 14:00 horas do vindeiro sábado, tras un recorrido de 15 quilómetros

Lara Méndez puxo en valor a riqueza asociativa de Lugo, que destaca en iniciativas conxuntas que axudan ás administracións para favorecer a total integración

Xoves, 18 de agosto de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo participa na marcha ciclista unificada de Special Olympics, que reunirá na cidade a máis de 100 deportistas

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o Vicepresidente da Deputación, Álvaro Santos, e os presidentes de Special Olympics Galicia, Eladio Fernández, e o de ASPNAIS, José Reigosa, respectivamente, presentaron este xoves no Salón de Plenos a Marcha Ciclista Unificada Special Olympics para persoas con e sen discapacidade, que chegará á cidade, o vindeiro sábado, 20 de agosto, ás 14:00 horas. Trátase dunha competición organizada por Special Olympics Galicia, que recorrerá as provincias de Ourense, Lugo e Santiago, entre os días 19 e 21 de agosto, que conta coa colaboración da Federación FADEMGA Plena Inclusión Galicia, e coas que colabora tanto a entidade local como provincial, cuxo obxectivo é promover a práctica do ciclismo nas persoas con discapacidade intelectual de Galicia e ao mesmo tempo que se fan visibles as súas capacidades. Ademais, preténdese concienciar e difundir a imaxe positiva e respectuosa das persoas con discapacidade intelectual e eliminar barreiras e estereotipos que dificultan a súa normalización.

No acto, no que tamén estivo presente o Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, a rexedora quixo deixar claro tanto a aposta do Concello polo deporte, principalmente o de base, como pola promoción da cidade e a integración, e neste caso van os tres compromisos do Goberno da man. Neste senso, Lara Méndez puxo en valor a riqueza asociativa de Lugo, que destaca por enriba das demais cidades en iniciativas conxuntas que axudan ás administracións para favorecer a total integración, a defensa de intereses de minorías ou a promoción social dun gran número de persoas individualizadas. “Para o Concello de Lugo é un privilexio ser meta novamente dunha etapa ciclista”, subliñou a Alcaldesa, ao tempo que lembraba que sábado Lugo acollerá esta marcha e o mércores a Volta Ciclista.

 “Respaldar as iniciativas sociais é traballar por botar abaixo barreiras e obstáculos non só físicos, senón tamén psicolóxicos, que son os que realmente entorpecen a total integración”, subliñou a Alcaldesa, quen aproveitou a ocasión para agradecerlle tanto a ASPNAIS como Special Olympics por acordarse de Lugo unha vez máis e traer á cidade unha competición destas características, que reúne a deportistas cunha gran capacidade de transmitir os verdadeiros valores de deportividade e cun gran afán de superación. Nestes senso, a Alcaldesa puxo en valor o impagable labor tanto das moitas asociacións e federacións que colaboran con este evento, “que unirá a toda a sociedade”, como do silencioso pero continuo labor voluntarios.
O Vicepresidente da Deputación, Álvaro Santos Ramos,  destacou “o aspecto inclusivo e innovador desta marcha na que poden participar outras persoas que non teñen discapacidade. Dende a Deputación de Lugo colaboramos cunha axuda económica de 8.000 euros para achegar esta actividade á maioría dos concellos da provincia. Tamén gustaríame felicitar a organización por estas rutas e dende logo, convidar a toda a xente a participar o 20 de agosto na marcha ciclista de Special Olympics.”
Reigosa quixo agradecer a colaboración do Concello e da Deputación en todos os eventos que buscan a igualdade real e efectiva. Neste senso incidiu Fernández, quen quixo poñer en valor o compromiso tanto de ambas as dúas entidades para promover as capacidades das persoas con discapacidade intelectual.

15 quilómetros para eliminar barreiras e estereotipos
Nesta actividade, pioneira en España, tomarán parte un total de 56 deportistas con discapacidade intelectual e adestradores, así como 50 deportistas de clubs ciclistas de toda Galicia e máis de 20 voluntarios, que colaborarán no transcurso das Marchas para garantir o seu correcto funcionamento. Cada etapa será de 15 quilómetros aproximadamente, cunha proba adaptada de 1 quilómetro final. No caso de Lugo, partirán ás 12:00 horas da Pobra de San Xiao (Láncara) e chegarán á cidade sobre as 14:00 horas. Entrarán pola Avenida de Madrid para continuar pola Praza do Rei. A continuación, Avenida de Ramón Ferreiro, Alcalde Anxo López Pérez, Ronda da Muralla, rúa San Fernando e Praza de San Marcos, onde estará situada a meta.

Os deportistas con discapacidade intelectual que participarán nestas marchas, pertencen a 6 entidades galegas, ASPAS (Santiago de Compostela), ASPRONAGA (A Coruña), ASPADEX (Cee), ADCOR (Coruña) AS BURGAS (Ourense) e CHAMORRO (Narón). Os  deportistas estarán acompañados por unha delegación de atletas de Special Olympics Cataluña, chegados de Lleida, e que participarán nas 3 rutas.

Audio

  • Lara Méndez, sobre a marcha ciclista unificada de Special Olympics | Descargar mp3

Noticias relacionadas