Lugo, nomeada Cidade polo Comercio Xusto, a 1º de Galicia en ter esta distinción

A Alcaldesa, xunto á Concelleira de Concello e Cidadanía e representantes do colectivo Lugo Xusta e de establecementos, empresas, organizacións e centros educativos comprometidos co Comercio Xusto, celebraron este recoñecemento

Xoves, 23 de maio de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo, nomeada Cidade polo Comercio Xusto, a 1º de Galicia en ter esta distinción

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, xunto á Concelleira de Concello e Cidadanía, Rosana Rielo, deron a coñecer este xoves na Praza Maior, que Lugo vén de ser nomeada Cidade polo Comercio Xusto, a primeira de Galicia en ter esta distinción, outorgada polo Programa Estatal de Cidades polo Comercio Xusto - IDEAS. Fixérono xunto a representantes do colectivo Lugo Xusta e de establecementos, empresas, organizacións e centros educativos comprometidos co Comercio Xusto.

Para conseguir este status, que xa teñen as localidades de Bilbao, Burgos, Córdoba, Donostia-San Sebastián, Getxo, Laredo, Legazpi, León, Madrid, Malága, Orihuela, Puerto del Real, Teresa, Torrelavega e Valladolid, o Concello presentou unha candidatura, froito dun acordo do Pleno Municipal. Lugo conseguiu este título tras cumprir 5 criterios: compromiso institucional e iniciativas de compra pública ética, accesibilidade aos produtos de Comercio Xusto, compromiso da comunidade empresarial, sociedade civil e comunidade educativa; accións de sensibilización e comunicación dirixidas á cidadanía e creación dun grupo de traballo local.

Este recoñecemento significa avanzar cara un modelo de desenvolvemento máis sostible e igualitario, no que non soamente prima o económico, senón tamén o social e o ecolóxico. Ademais ofrece máis oportunidades para os productores en desvantaxe económica, prácticas comerciais baseadas na xustiza, un prezo xusto, non ao traballo infantil e a explotación e respecto ao medio ambiente.

Así mesmo, este distintivo reforza tanto o carácter social como o solidario que ten o Concello de Lugo, e dotará ao municipio dun novo selo de identidade, supoñéndolle ademais a toda a cidade un importante retorno social e económico, xa que se abre a posibilidade de acoller iniciativas cun gran atractivo e repercusión.

Na actualidade, o Concello defende un trato de igual a igual nas relacións comerciais, que os produtos consumidos sexan elaborados en condicións laborais dignas, e que sexan producidos de xeito respetuoso co entorno. Por exemplo, como condición pedíase ofrecer produtos de comercio xusto nos pregos de contratación das máquinas de vending, así como nas cafeterías das piscinas de Frigsa e As Pedreiras, e do centro social de Fingoi.

Noticias relacionadas