Lugo, modelo de desenvolvemento sostible no Foro das Cidades

A Alcaldesa expuxo neste encontro internacional, que se celebra en Madrid coa participación de 75 urbes, o modelo de cidade do Goberno, destacando como un dos seus piares fundamentais o proxecto Lugo+Biodinámico

A través deste plan, que lidera o Concello e no que participan a Deputación e as universidades de Santiago e a Politécnica de Madrid, creouse un novo pulmón verde urbano nas Gándaras con 15.000 exemplares de 60 especies arbóreas distintas

Inclúe o deseño e construción do primeiro edificio de iniciativa pública de Galicia e un dos primeiros de España integramente de madeira –Impulso Verde,- que se abastecerá de biomasa e se converterá nun referente na aplicación de modelos constructivos sostibles

O Concello planificará o desenvolvemento urbanístico dun barrio da cidade, na Garaballa, aplicando solucións de deseño urbano pensadas para a adaptación ao cambio climático: dende a recollida de auga de choiva para o seu uso no rego das zona

Xoves, 14 de xuño de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo, modelo de desenvolvemento sostible no Foro das Cidades

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, participou como poñente este xoves na terceira edición do Foro das Cidades, un encontro internacional dos axentes implicados na xestión sostible das urbes que se celebra esta semana en Madrid. Méndez expuxo o modelo de cidade sostible que está a implantar dende o Goberno e, como un dos seus piares, o programa Lugo+Biodinámico, financiado con fondos europeos Life e que ten como obxectivo desenvolver novidosas actuacións en favor dun urbanismo sostible e dun mellor aproveitamento da riqueza forestal, a nivel económico e ambiental, introducindo mesmo un novo modelo productivo a través do uso da madeira como elemento estrutural de construción.

No Foro das Cidades, que arrancou onte e rematará mañá, participan 75 urbes e máis de 200 poñentes.

A Alcaldesa ofreceu unha conferencia esta tarde no marco dunha sesión sobre Renaturalización Urbana e Infraestruturas Verdes, na que tomaron parte tamén Valladolid, Vitoria e Barcelona. Moderou Iñaki Viñuela, paisaxista e membro da Asociación Española de Paisajístas.

Lara Méndez subliñou que “a capacidade transformadora do global que temos desde o local” materialízase a través dos modelos de cidade, que no caso de Lugo, apuntou, ten “moito que ver” co propio lema do Foro das Cidades: espazos urbanos para a sostibilidade e o benestar. “Deseñamos e impulsamos políticas públicas para facer de Lugo unha cidade máis accesible, cómoda, humana, máis verde, sostible, máis social, con máis espazos públicos para uso público, para as persoas”, asegurou.

Deste xeito, ademais de contar cunha concellería específica de Desenvolvemento Sostible, que une Urbanismo e Medio Ambiente, “o que resume moi ben a nosa vontade e acción política”, o Goberno aplica políticas neste eido de maneira transversal en todas as áreas, explicou a rexedora, quen apuntou que para materializar o seu modelo de cidade “concorremos a novos fondos europeos, ante un escenario de crise económica e de limitación de recursos propios, e dado que as prioridades da Unión Europea pasan precisamente por accións a favor da sostibilidade ambiental e da dinamización urbana a través de espacios colectivos”. O resultado foi a captación de 22M€ de Europa nos dous primeiros anos de mandato.

Seguidamente, a Alcaldesa explicou catro grandes eixos de actuación dentro do seu modelo de cidade:

  • Estratexia de mobilidade: conformada por medidas complementarias e interconectadas, encamiñadas a reducir o uso do vehículo privado e con elo, mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas, e reducir a contaminación ambiental e acústica. Como exemplos puxo a implantación de zonas de limitación a 30 e de convivencia do vehículo coa bicicleta, peonalizacións, humanización de espazos, reordenación das liñas de bus, máis carrís bici e aumento das prazas de aparcamento no centro, zonas comerciais, centros administrativos, educativos e sanitarios.
  • Programa Lugo Smart City: Cun orzamento de 4,1M€ (o 60% achegado polo FEDER), o obxectivo é a implantación da administración electrónica e avanzar cara a xestión sostible e eficiente dos servizos públicos aproveitando as oportunidades que ofrecen as novas tecnoloxías, o que produce un aforro económico e enerxético.  Entre outras medidas, desenvolverase a xestión intelixente do aparcamento (con sensores inalámbricos que detectarán prazas libres); do servizo de recollida de lixo (con sensores de almacenamento nos contedores para detectar se están cheos); do alumeado público (coa regulación do fluxo lumínico a través de dispositivos de control) o dos contadores de auga (coa lectura e supervisión a través de GPRS ou 3G).
  • Programa Muramiñae, da Muralla ao Miño, EDUSI: Ten un orzamento de 12,5M€ (o 80% procedente do FEDER) e o seu nome resume ben o obxectivo: eliminar a discontinuidade urbana que existe entre o centro da cidade e o río Miño. Para elo, están previstas medidas como a creación de novas infraestructuras de comunicación entre a trama urbana e o entorno do río, así como a recuperación e a posta en valor do patrimonio (arqueolóxico, Camiño de Santiago...)
  • Proxecto Lugo+Biodinámico, que centrou a intervención da Alcaldesa. Explicou que cun orzamento de 3,5M€ (o 50% achegado polo plan europeo Life), está liderado polo Concello e conta como socios coa Deputación de Lugo, a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Politécnica de Madrid, sendo un éxito da colaboración entre administracións.

Como explicou Lara Méndez, este é o proxecto máis transversal do Concello e cun horizonte de impacto máis longo, “co que facemos realidade a nosa firme convicción de que as administracións temos que exercer o mecenado da innovación. Somos os únicos capacitados para non medir a investigación en termos de beneficios económicos. Para elo, é obrigado ir da man da Universidade, como facemos neste proxecto”.

Como obxectivos están marcados, por unha banda, a implantación a través de actuacións innovadoras dunha estratexia de desenvolvemento urbano sostible, e por outra, a introducción dun novo modelo productivo, co uso da madeira como elemento estrutural de construción, material que reduce a emisión de dióxido de carbono e impulsa o sector forestal, tanto a nivel dos productores, pois ábrense novas saídas para o producto e aumenta o seu valor engadido,  como da industria da madeira. A Alcaldesa lembrou neste senso que Lugo é unha potencia forestal, como demostra que, con 3,8 millóns de toneladas extraídas en 2017, segue estando entre as provincias con maior producción de madeira de España, e que o 52% da superficie do municipio lucense sexa agroforestal, o que indica a súa capacidade de dinamizar a economía e, con elo, de fixar poboación, sobre todo no rural, un dos grandes retos aos que se enfronta Galicia.

No deseño das actuacións do Lugo+Biodinámico, que se desenvolven nuns terreos públicos ao norte da cidade, entre O Ceao e As Gándaras, tívose moi en conta a capacidade de ser transferidas como estratexia a outros lugares de Galicia e do resto de España, e “contribuír así de maneira exponencial a aminorar os efectos do cambio climático, esto é, aplicar accións locais para lograr efectos globais”, recalcou Méndez.

En canto ás accións concretas, a rexedora destacou a creación dun novo pulmón verde urbano coa plantación de 15.000 exemplares de 60 especies arbóreas distintas (cultivos para producir biocombustibles sólidos en formato de estelas de elevada eficiencia enerxética; frondosas autóctonas para a producción de madeira de alta calidade; castaños con variedades autóctonas e un arboretum, no que están as especies de todos os bosques de Galicia).

Tamén indicou que se está a recuperar e poñer en valor un bosque de ribeira, e que se acondicionarán nunha hectárea de terreo hortos urbanos de solo e altura.

Edificio Impulso Verde

Así mesmo, estase na recta final do deseño para a construción dun edificio integramente de madeira e neutro en termos de carbono, denominado Impulso Verde, o primeiro de iniciativa pública de Galicia e un dos primeiros de España. Aquí xoga un papel decisivo a Plataforma de Enxeñería da Madeira (PEMADE) do Campus Terra.

Esta actuación piloto “nace coa vocación de converterse nun referente da aplicación de modelos de construcción sostible, alternativos aos convencionais, altamente contaminantes e de baixa eficiencia enerxética, baseados fundamentalmente en tecnoloxías do aceiro e o formigón armado”, explicou a Alcaldesa. Abastecerase de biomasa para auga quente sanitaria e calefacción, e estará preparado para abastecerse de enerxía solar. Albergará un centro de divulgación de enerxías renovables e construcción sostible, oficinas administrativas e aulas.

A día de hoxe está feito un prototipo por PEMADE, a cuberta Grisdhell, a primeira estructura do mundo feita con eucalipto globulus, instalada na Escola Politécnica Superior.

Accións de planificación urbana

Outro bloque de actuacións está relacionado coa planificación urbana. No marco do Lugo+Biodinámico, o Concello elaborará un catálogo das soluciones de deseño que se poden aplicar en urbanismo para a adaptación ao cambio climático. Irán dende a recollida de auga de choiva para a súa reutilización, por exemplo no rego das zonas verdes, ata a implantación dun sistema propio de reutilización da fracción orgánica do lixo. Tamén se incluirán medidas de aforro enerxético coa simple orientación das vías, zonas verdes ou edificios, buscando aproveitar o sol e os ventos dominantes. Trátase dun catálogo xeral para que poida ser usado en calquera cidade europea.

Seguidamente, “daremos un paso máis, levando este catálogo á práctica. Planificaremos o desenvolvemento urbanístico dun barrio da cidade, a día de hoxe sen desenvolver, na Garaballa, aplicando as solucións de deseño urbano recollidas no decálogo, e farémolo a través dun plan estratéxico”, afirmou Lara Méndez.

En base a esta experiencia piloto de planificación urbana sostible, “impulsaremos, como terceiro paso, un Instrumento de Planeamento Guía de Adaptación Climática, para que en todos os sectores urbanísticos da cidade que están sen desenvolver, tanto de solo urbano non consolidado, como urbanizable, se apliquen de maneira sistemática as solucións do catálogo”, argumentou a rexedora.

A planificación de solucións concreta para cada zona establecerase en función do seu propio microclima, derivado de condiciones como a altura, pendente, incidencia do sol ou dos ventos. Así, conformaranse as denominadas Zonas de Confort Climático: resilientes, enerxeticamente eficientes e preparadas ante temperaturas extremas e para evitar inundacións por choivas torrenciais.

Noticias relacionadas