Lugo mobiliza nun ano 20 millóns de euros no maior investimento da súa historia para a reactivación económica

A alcaldesa, Lara Méndez, sinala que “o Concello está a realizar un esforzo importante con recursos propios para apoiar aos sectores e diversificar a industria”.

O Pleno aproba destinar un millón de euros ao segundo plan de axudas directas, dando continuidade ao Plan Reanima que beneficiou a 3.300 empresarios e autónomos.

Xoves, 15 de abril de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo mobiliza nun ano 20 millóns de euros no maior investimento da súa historia para a reactivación económica

O Concello de Lugo mobiliza nun ano 20 millóns de euros para reactivar a súa economía: 6 millóns en axudas directas aos sectores máis afectados pola crise económica derivada da situación sanitaria; 12 millóns nun pioneiro fondo inversor municipal (Lugo Transforma) para atraer investimentos, empresas e xerar novos postos de traballo, e o resto será canalizado nun ambicioso plan para dinamizar a vida económica dos barrios da cidade.

Así o lembrou tanto a alcaldesa, Lara Méndez, como a concelleira de Gobernanza, Paula Alvarellos, no Pleno de  hoxe, de carácter extraordinario, onde se aprobou por unanimidade o segundo plan de axudas directas dun millón de euros, “correspondente ao 1% do noso orzamento”, dando, así, continuidade ao primeiro Plan Reanima, dotado de 5 millóns de euros. “O primeiro plan que se puxo en marcha - xa que se acordou o 15 de marzo do 2020, ao día seguinte do Estado de Alarma - e o primeiro tamén que se empezou a pagar, e do que se beneficiaron máis de 3.300 empresarios e autónomos”, comentou a rexedora.

Ese 1% foi o comprometido polo Concello de Lugo nas negociacións dos municipios coa Xunta de Galicia para unificar esforzos co fin de ofrecer axudas directas aos sectores afectados, conversas onde se lle pedía ao Goberno galego que dedicase tamén o 1% do seu orzamento e que o executivo autonómico non aceptou.

Lara Méndez destacou que “o Concello está a realizar un esforzo moi importante con recursos propios para apoiar aos distintos sectores da cidade, especialmente ao sector servizos, hostalería e comercio, un dos máis afectados e onde xa se está a notar a perda de empregos, pero tamén para diversificar a industria e xerar novos postos de traballo que axuden a que Lugo saia reforzado desta pandemia”.

No Pleno lembrouse, así mesmo, que o Concello de Lugo non recibiu nin un só euro para os gastos e investimentos extraordinarios causados pola pandemia, mentres a Xunta si recibiu partidas millonarias do Goberno central, “cartos e recursos que non derivou en ningún caso ás administracións locais”, sostivo a rexedora.

Noticias relacionadas