Lugo marcha por 15º ano consecutivo pola igualdade entre mulleres e homes

Lara Méndez e Ana Abelleira encabezaron a andaina que partiu da Praza Maior para dar unha volta polo adarve da Muralla

Domingo, 11 de marzo de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo marcha por 15º ano consecutivo pola igualdade entre mulleres e homes

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana Abelleira, encabezaron este domingo a XVI Marcha pola Igualdade, enmarcada na programación que organiza o Concello para conmemorar o Día Internacional das Mulleres. A marcha, á que asistiron tamén as concelleiras de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, e a de Concello e Cidadanía, Rosana Rielo, xunto a outros membros da Corporación Municipal, arrincou na Praza Maior, diante da Casa Consistorial, e continuou pola Praza de Santa María para subir á Muralla pola rampla de Pío XII e dar unha volta completa polo seu adarve. Na andaina, as persoas participantes portaron uns paraugas conmemorativos.

Dentro das actividades para conmemorar o 8 de marzo, esta tarde no Vello Cárcere proxectarase o documental Cambia de papel, elaborado pola ONG Implicadas no Desenvolvemento. A longametraxe está dirixida e producida por María Reimóndez, fundadora do colectivo, o actor Lugis Tosar e a escritora Kutti Revathi. É un documental duns 35 minutos, no que se contan 11 historias en primeira persoa, no que ademais do propio Tosar e Reimóndez, participan 9 mulleres indias.

Ademais destas actividades, o xoves día 5 de abril, ás 20:30 horas no Auditorio Municipal Gustavo Freire, terá lugar a representación da obra 5 mulleres que comen tortilla, a cargo da compañía Señora Supina. A entrada custa 3 euros e pode mercarse a través de www.entradaslugo.es ou unha hora antes da función no propio auditorio. Esta obra é unha comedia delirante e enxeñosa. A liberdade, o feminismo, as moralidades e o medo ao descoñecido son os motores desta exitosa comedia internacional.

Entre as actividades para conmemorar o Día da Muller, o Concello tamén ten preparada unha proba deportiva, dentro do Circuíto Larsa Corre con Nós, que se converterá no Corre con Elas o 15 de abril, ás 12:00 horas, polo paseo de Ombreiro. Tamén, durante o mes de marzo, nas ociotecas municipais do programa Aprende Xogando, levarase a cabo un programa de fomento de igualdade.

Continúan tamén os Faladoiros Feministas, unha iniciativa do Concello, a Deputación de Lugo e o Foro Feminista Maruxa Mallo, os días 6 de abril e 25 de maio, no Vello Cárcere a partir das 20:00 horas.

No transcurso do mes de abril, levarase a cabo a inauguración do espazo de visibiliación permanente da historia das mulleres e de acceso público á cidadanía, Elas, no Vello Cárcere.

Noticias relacionadas