Lugo marca un novo fito no deporte acollendo por 1ª vez un campionato galego de nivel de natación sincronizada

A Alcaldesa, o Concelleiro de Deportes e o presidente do Club Porta Miñá presentaron a proba, que atraerá á cidade a unhas 1.000 persoas a vindeira fin de semana, os días 18 e 19, entre nadadoras, acompañantes e organización  

Lara Méndez enmarcou a colaboración co evento na “aposta firme e clara” do Concello polo deporte, ao que destina máis de 3 millóns de euros nos Orzamentos

Venres, 10 de xuño de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo marca un novo fito no deporte acollendo por 1ª vez un campionato galego de nivel de natación sincronizada

Lugo marca un novo fito no deporte. Por primeira vez, acolle un campionato galego de nivel de natación sincronizada, que reunirá ás mellores deportistas de Galicia desta modalidade a vindeira fin de semana, os días 18 e 19, nas piscinas de Frigsa. O Campionato Galego de Verán de Nivel de Natación Sincronizada, que atraerá á cidade a unhas 1.000 persoas entre nadadoras, acompañantes e organización, foi presentado este venres no Salón de Plenos do Concello pola Alcaldesa, Lara Méndez, e o presidente do club Porta Miñá, Fernando Timiraos. Ao acto tamén asistiu o Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, a vicepresidenta do club, Ángeles Vázquez, a entrenadora, Lorena Millares, así como algunha das rapazas que participará neste evento.

A Alcaldesa subliñou que para o Concello é “unha gran satisfacción e privilexio acoller por primeira vez na nosa cidade este campionato de sincronizada, ademais da man do Club Porta Miñá, emblemático, no que moitos nenos e nenas practican natación, e dentro dela esta modalidade tan complexa e sacrificada, que esixe moitas horas de traballo e esforzo, algo que é de recoñecer e admirar”.

Lara Méndez encadrou a colaboración do Concello con este evento na súa “aposta clara e decidida” polo deporte, “ao que destinamos 3 millóns de euros nos Orzamentos deste ano para actividades deportivas, competicións, torneos ou gastos de equipos e clubs”. Neste senso, a rexedora destacou o apoio municipal ao deporte base e á formación de canteira na cidade en numerosas disciplinas.

A Alcaldesa agradeceu o “esforzo e traballo” do Porta Miñá, do seu presidente, monitoras e nadadoras, e desexou sorte ao equipo lucense, formado por 23 rapazas, augurando que “deixará na Lugo nun alto nivel”.

Así mesmo, mostrouse convencida de que este primeiro campionato galego celebrado en Lugo “non será o último porque quedarán encantados co noso pasado romano, e seguro que queren visitarnos a posteriori e celebrar outra proba aquí”.

Pola súa banda, o presidente do CN Porta Miñá agradeceu ao Concello “a oportunidade e apoio para celebrar este campionato, que esperemos que sexa un éxito”, e no que “todos os lucenses teñen a oportunidade única de ver en Lugo ao mellor da natación sincronizada galega de nivel, a modalidade que máis adestramento esixe sen ser profesional”. “Frigsa vaise quedar pequena”, indicou.

Timiraos subliñou que, se ben hai uns anos a sincronizada galega “estaba en cernes, a día de hoxe Galicia está entre as comunidades máis destacadas, tras Madrid e Cataluña”.

O presidente do Porta Miñá engadiu que, se ben este é “un club humilde”, “hoxe por hoxe podemos presumir de que, se non somos o referente en Galicia, case o somos porque este ano esperamos ter uns grandes resultados en natación sincronizada,  gañamos o campionato galego de promesas, alevín e infantil, e quedamos de terceiros en benxamíns”.

9 equipos e máis de 200 participantes

Nesta competición participarán 9 equipos de toda Galicia e unhas 200 nadadoras de CNSincro Pontevedra, C. Sincro Ferrol, CN Sincro Ourense, RCN Vigo, CN Rías Baixas Vigo, CGalacio Sincro, CSincro Obradoiro, CAquatic Oleiros e CN Porta Miñá Lugo. Serán 88 coreografías, entre solos, dúos, equipos e combos das categorías alevín, infantil e xuvenil.

A competición arrincará o sábado a partir das 10:00 horas, en xornada de mañá, e de 16:30 de tarde, e o domingo a partir das 10:00 horas.

A proba denomínase de nivel, xa que soamente poden participar as nadadoras que teñen logrado o pase á categoría de base a nivel.

Noticias relacionadas