Lugo lucirá mosaicos romanos a través de dúas novas ventás arqueolóxicas en Doutor Castro dende a vindeira semana

Ana Prieto visitou os traballos de recuperación e musealización dos restos, únicos en Galicia, que está a desenvolver o Concello a través do Plan Urbano, unha actuación que conta cun orzamento de máis de 60.000 euros

Martes, 24 de novembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Ana Prieto durante a súa visita ás obras de restauración dos mosaicos romanos

A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, acompañada da restauradora Mar Sobrino, visitou este martes os traballos que está a desenvolver o Concello a través do Plan Urban, financiado por fondos europeos, para restaurar e musealizar os mosaicos romanos de entre os séculos III e IV, únicos en Galicia, atopados no lugar en escavacións realizadas en 1999 e 2001.

Parte destes mosaicos, que pertencen á que se considera a domus máis grande da cidade romana, a Domus Oceani, xa se poden observar a través dunha ventá arqueolóxica situada nesta mesma rúa, así como na sala expositiva Casa dos Mosaicos e en negocios locais da zona. “Dende primeiros de decembro, na semana que vén, todos os lucenses e visitantes poderán observar novos fragmentos deste xacemento arqueolóxico a través doutras dúas ventás arqueolóxicas, unha actuación que conta cun orzamento de máis de 60.000 euros”, explicou a edil.

Tres fases

Estas obras contan con tres fases: unha primeira na que se abriron os ocos no pavimento, unha segunda na que se traballa na restauración dos mosaicos e a terceira, na que se instalarán as ventás cun vidro antideslizante que ofrecerá todas as garantías de seguridade necesarias. Terán iluminación, un sistema de vixilancia e un sistema de ventilación.

Tal e como avanzou Sobrino, quen puxo en valor a calidade destes mosaicos de finais do século III ou principios do IV, “únicos en Galicia, de forma xeométrica e con varios rexistros”; a restauración dos mosaicos, que estará rematada no día de hoxe, pasou pola limpeza da consolidación dos mosaicos, que ocupan uns 20 metros cadrados, “unha intervención dificultada polo sitio no que se atopa, debaixo da rúa, o que limita os movementos”, a retirada en seco da terra que se atopaba nas xuntas das teselas e a súa substitución por morteiro de cal.

Ana Prieto subliñou que, “grazas ao Plan Urbano os lucenses e visitantes poderemos contemplar estes novos restos arqueolóxicos, patrimonio que o Concello quere pór en valor”. Neste senso, a edil agradeceu o esforzo realizado polo servizo de Arqueoloxía municipal e das restauradoras, “que traballan pola defensa do noso patrimonio”.

Con estas dúas novas ventás, son 6 as que se abriron no casco histórico de Lugo e que se suman ás que deixaron á vista a piscina romana de Santa María, os restos do acueduto na praza de San Marcos, os restos da Muralla na rúa Nova e a que deixa á vista un fragmento do mosaico da Domus Oceani na rúa Doutor Castro. A estas hai que engadirlle outra ventá situada no Vello Cárcere e a dos restos do templo romano no Círculo das Artes.

Audio

  • Ana Prieto, sobre a restauración dos mosaicos romanos |Descargar mp3

Noticias relacionadas