Lugo lidera unha revolución cara o desenvolvemento urbano sostible e un novo modelo productivo baseado na madeira galega co plan Life

A Alcaldesa presentou o edificio Impulso Verde, unha das accións centrais da estratexia europea Life Lugo+Biodinámico impulsada polo Concello, nun encontro con representantes do sector galego forestal e da madeira, colexios profesionais e Universidade

Impulso Verde será o 1º edificio público de Galicia construído con madeira galega e abastecerase só de enerxías limpas. Situado na Garaballa, nace coa vocación de ser un referente na aplicación de modelos construtivos sostibles, alternativos aos convencionais, baseados no aceiro e o formigón armado

Será ademais a semente do 1º barrio multiecolóxico de España, no que ademais de edificios con  madeira como elemento estrutural de construción, aplicaranse as solucións de deseño urbano recollidas no que será o primeiro catálogo en Europa de medidas urbanísticas para a adaptación ao cambio climático que se está a elaborar, tamén dentro do Life

Esta estratexia, na que o Concello conta como socios colaboradores coa Deputación e as universidades de Santiago e Politécnica de Madrid, é peza central no modelo de cidade do Goberno, que une de maneira indisoluble o urbanismo e a sostibilidade

Martes, 20 de novembro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo lidera unha revolución cara o desenvolvemento urbano sostible e un novo modelo productivo baseado na madeira galega co plan Life

A Alcaldesa, Lara Méndez, presentou este martes nun encontro con representantes do sector galego forestal e da madeira, colexios profesionais, Universidade e medios de comunicación celebrado no salón de actos do CEI Nouds o proxecto Impulso Verde, o primeiro edificio público de Galicia construído con madeira galega e a semente do que será o primeiro barrio multiecolóxico de España. O Concello de Lugo lidera deste xeito “unha auténtica revolución no modelo de construción urbana e no modelo productivo do noso país, baseada no mellor que temos, os nosos recursos naturais”, subliñou a Alcaldesa. E faino a través do proxecto europeo Life Lugo+Biodinámico, no que conta como socios colaboradores coa Deputación de Lugo, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade Politécnica de Madrid (UPM).

Impulso Verde é unha das accións centrais incluídas neste “ambicioso e innovador proxecto, que sitúa á nosa cidade na vangarda do desenvolvemento urbanístico sostible e da economía verde”, asegurou a Alcaldesa na presentación, á que asistiron o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Daniel Piñeiro; o Deputado provincial de Relacións Institucionais, Álvaro Santos; Luis Ruiz, profesor da Escola Técnica de Enxeñería Agronómica, Alimentaria e de Biosistemas da Universidade Politécnica de Madrid e coordinador das accións do Life na UPM; Manuel Guaita, catedrático do departamento de Enxeñería Forestal da Universidade de Santiago, director da Plataforma de Madeira Estrutural (PEMADE), e director do equipo técnico autor do proxecto Impulso Verde; e Belén Feijóo Lombao, técnico superior de apoio á investigación do departamento de Enxeñería Agroforestal da USC e integrante do equipo autor do proxecto.

Desenvolvemento urbanistico sostible

O edificio Impulso Verde estará construído integramente de madeira galega e abastecerase só de enerxías limpas, isto é, neutro en termos de carbono. “Impulsámolo coa vocación de que sirva de modelo constructivo para futuras actuacións, promovidas tanto dende o sector público como dende o privado, tanto en Lugo, como en calquera lugar de España, de Europa ou do mundo”, explicou Lara Méndez. Terá un uso público e actividade permanente, pois nel funcionarán servizos municipais, ademais de un espazo coworking para empresas relacionadas co medio ambiente e o cambio climático, zona expositiva e aula de formación. Situarase na zona da Garaballa, entre os polígonos industriais do Ceao e as Gándaras, en fronte á área comercial As Termas.

Este proxecto “marcará un punto de inflexión na construcción, que contribuirá de maneira decisiva a un cambio de paradigma constructivo cara modelos sostibles, respectuosos co medio ambiente, alternativos aos convencionais, que son altamente contaminantes e de baixa eficiencia enerxética, pois están baseados fundamentalmente nas tecnoloxías do aceiro e o formigón armado”, explicou a rexedora.

Impulso Verde é tamén a semente do primeiro barrio multiecolóxico de España, “que proxectamos para dotar de gran capacidade de adaptación e resiliencia ás contornas urbanas, pola súa capacidade de replicación e evolución no tempo”, apunto Méndez. Neste barrio multiecolóxico, ademais de edificios con  madeira como elemento estrutural de construción, aplicaranse as solucións de deseño urbano recollidas no que será o primeiro catálogo en Europa de medidas para a adaptación ao cambio climático que se está a elaborar, tamén dentro do Life Lugo+Biodinámico. As solucións de deseño urbano van dende a recollida de auga de choiva para a súa reutilización, por exemplo no rego das zonas verdes, ata a implantación dun sistema propio de reutilización da fracción orgánica do lixo. Tamén haberá medidas de aforro enerxético coa simple orientación dos viais, zonas verdes ou edificios buscando aproveitar o sol e os ventos dominantes.

Economía Verde

Con Impulso Verde e o barrio multiecolóxico, o Concello de Lugo avanza tamén cara a introducción dun novo modelo productivo, non só para o municipio e a provincia, senón para toda Galicia