Lugo lembrará con lecturas a Rosalía de Castro o día do 180 aniversario do seu nacemento

O acto terá lugar este venres, de 12:00 a 14:30 horas, nos soportais da Casa do Concello

Mañá xoves, as 18:30 horas, haberá unha sesión de contacontos sobre a escritora compostelá na Biblioteca Municipal, cun aforo máximo de 40 persoas. As invitacións para asistir pódense retirar na propia biblioteca

Mércores, 22 de febreiro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo lembrará con lecturas a Rosalía de Castro o día do 180 aniversario do seu nacemento

A Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, da que é titular Carmen Basadre, súmase á homenaxe a Rosalía de Castro, insitucionalizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Deste xeito, o Concello organiza unha lectura pública, xunto con Ágora Cultural, da obra de Rosalía de Castro este venres, xusto o día cando se cumpre o 180 aniversarios do seu nacemento.

Carmen Basadre fixo un chamamento para que toda aquela persoa interesada en participar se achegue á Praza Maior, de 12:00 a 14:30 horas. Antes do comezo de dita lectura leerase un manifesto. "Queremos homenaxear a esta gran muller de prestixio internacioanal que contribuíu, de xeito fundamental, ao rexurdimento da literatura en lingua galega, sendo precursora da poesía moderna en España" subliñou a edil, quen tamén agradeceu a involucración de ambos os dous colectivos para desenvolver este acto.

Todo aquel que queira participar nesta lectura pública soamente se terá que achegar aos soportais da Casa do Concello mentres dure o acto, participando na lectura seguindo a orde na que vaian chegando.

Achegamento de Rosalía aos máis cativos

Tamén en homenaxe a Rosalía, mañá xoves, ás 18:30 horas, na Bibilioteca Municipal, terá lugar un contacontos, unha actividade enmarcada dentro da programación de animación á lectura do Concello. Marisa Irimia será a encargada de achegar a poesía e os contos da insigne poetisa aos máis cativos.

Esta actividade, de 50 minutos de duración, vai encamiñada a nenos a partir dos 4 anos, cun aforo máximo de 40 persoas. As invitacións (máximo dúas por persoa) xa se poden retirar na propia biblioteca en horario de tarde, a partir das 16:30 horas. 

Audio

  • Carmen Basadre, sobre o 180 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro |Descargar mp3

Noticias relacionadas