Lugo lembra a Rosalía no 185 aniversario do seu nacemento

As concelleiras e concelleiros do Goberno de Lugo participaron nos actos do Día de Rosalía organizados pola área de Cultura e a AELG

Maite Ferreiro destacou a figura “moderna, poderosa e valente” de Rosalía, que a converten “nunha das mellores figuras que nos definen como pobo”

Mércores, 23 de febreiro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo lembra a Rosalía no 185 aniversario do seu nacemento

A área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega realizaron hoxe en Lugo un acto con motivo do Día de Rosalía, celebrando o 185 aniversario do nacemento da poeta. A concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, destacou a figura “moderna, poderosa e valente” de Rosalía, e afirmou que isto converte á poeta “nunha das mellores figuras que nos definen como pobo”.

“Rosaía foi pioneira na defensa da nosa lingua, pioneira na defensa dos dereitos e pioneira na defensa dos dereitos das mulleres e por iso é preciso lembrar a esa Rosalía feminista, inconformista, e rebelde que rompeu moldes e que hoxe sigue sendo un referente”, afirmou Maite Ferreiro.

O acto continuou coa ofrenda florala Rosalía e coa interpretación da Alborada de Rosalía, unha peza musical escrita pola propia poeta. Despois da lectura do manifesto da AELG polo Día de Rosalía, escrito por Beatriz Maceda, realizouse a tradicional lectura pública de poemas de Rosalía. A actividade contou coa presenza de estudantes do colexio Rosalía e María Auxiliadora, que realizaron tamén a súa homenaxe á Poeta.

Día de Rosalía 2022

O Día de Rosalía celébrase este ano por primeira vez o 23 de febreiro, despois de que a Fundación Rosalía de Castro propuxera mudar a data debido ao recente descubrimento da investigadora Sagrario Abelleira, que correxiu a data de nacemento da poeta.

O Día de Rosalía converteuse nos últimos anos nunha das datas máis importantes do calendario cultural galego. Comezou sendo unha data celebrada e reivindicada pola AELG para logo conseguir unha presenza destacada no mundo escolar. Posteriormente chegaría a súa extensión a outros sectores máis amplos da sociedade e, ao mesmo tempo, a confirmación institucional.

Manifesto da AELG polo Día de Rosalía 2022

PENSAR [TE] LIBRE

Eu son libre. Nada pode conter a marcha dos meus pensamentos, e eles son a lei que rexe o meu destino.

Rosalía de Castro.

Alimentamos a realidade do noso País a través da nosa lingua e das palabras que envolven a nosa diversidade social e cultural. Pensármonos na lingua de nosoutras é manter, transmitir e dignificar quen somos. E esta é a forza que atopamos en Rosalía de Castro: recoñecérmonos como pobo forte, unido na nosa lingua.

Non hai nada máis poderoso que as voces legadas polas nosas devanceiras, para arrodear os sentires, as emocións, a rebeldía, a liberdade dese pensamento sobre o que ninguén pode mandar.

Velaquí o maior acto revolucionario que nos agasallou Rosalía de Castro! Os seus versos transfórmanse nunha historia que rebela, provoca, emociona e que nos acolle para “eu tamén navegar” (1), para facermos parte dunha nosa Historia propia e libre.

Así vou eu/formando parte/Non me abandono e formo parte (2), do pobo que describe Rosalía de Castro, da xente que defende a cultura sen cancelas e enche as rúas de voces violetas para combater da man das compañeiras os mouchos que nos asexan e a aqueles que ladran contra as que camiñan.

Abracemos, entón, a desorde das ideas (3) e a marcha dos pensamentos para seguir o navegar de Rosalía de Castro na voz das persoas humildes, para escoitar o silencio das oprimidas e censurar as inxustizas coa forza da nosa lingua. Non precisamos mans alleas que escriban a nosa historia así que, Dálle que dálle ó argadelo/noite e día/e pensa e pensa naquelo/porfía que te porfía, porque xa agroma forte a semente plantada. Vivamos a galope (4) nunha rede de afectos e celebremos que nin a lingua nin o pensamento se exilian. Tezamos xuntas, fortes e libres os puntos que calcetaron as mestras da República, as cigarreiras, as misteiras, as costureiras e todas as que, coma ti, loitaron contra as inxustizas e polos dereitos.

Cosamos cos fíos da lingua na que entendemos, debatemos, amamos e enliñemos as nosas ideas e os nosos pensamentos.

Tal com’as nubes

Qu’impele o vento

Y agora asombran, y agora alegran

Os espaços inmensos d’o ceo,

Así as ideas

Loucas qu’eu teño

As imaxes de multiples formas

D’estranas feituras, de cores incertos,

Agora asombran,

O fondo sin fondo d’o meu pensamento.

Multimedia

  • Lugo lembra a Rosalía no 185 aniversario do seu nacemento
  • Lugo lembra a Rosalía no 185 aniversario do seu nacemento

Noticias relacionadas