Lugo inicia a fin de semana do San Froilán con máis de medio cento de actividades preparadas e un programa na televisión portuguesa

Mañá sábado celebrarase o Día de Ferrol, e o domingo, o Día do Traxe Tradicional Galego

Venres, 07 de outubro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Lugo inicia a fin de semana do San Froilán con máis de medio cento de actividades preparadas. Mañá sábado, 8 de outubro, Día de Ferrol, a xornada arrincará ás 11:00 horas co San Froilán Tecedeiro, unha actividade de cestería a cargo da asociación Corazóns Artesáns, que terá lugar no Parque de Rosalía de Castro. A esa mesma hora dará comezo a feira de antigüidades e coleccionismo na rúa da Raíña.

Neste día, marcado pola tradición, tamén terá lugar o VII Desfile de Gando San Froilán, que sairá ás 11:30 horas dende o tramo peonil da Muralla, percorrendo a Praza da Constitución, Campo Castelo, Praza Maior e Bispo Aguirre. Os Xílgaros de Lugo amenizarán este desfile.

As Corporacións Municipais de Lugo e Ferrol reforzarán os lazos históricos que unen a ambas cidades nun acto no Salón de Plenos do Concello. A sesión de mañá complétase coa actuación de Hortensio O Home Orquestra e a charanga Támega, así como coa sesión vermú de Ocean´s, Garden, Bristol e Zootropa, na praza de Campo Castelo, a partir das 13:00 horas.

A xornada de tarde arrincará nesta ocasión ás 15:30 horas coa celebración dun programa da Radio Televisión Portuguesa, coa colaboración da TVG, dende o fondo da Praza Maior. Ao longo de 4 horas, a cadea portuguesa difundirá Lugo para os 10 millóns de portugueses.  

Os concertos das bandas de Antas de Ulla, Lalín, Ponteareas e Ribadeo, os pasarrúas da banda Percusiona, Treboada, a charanga A Excusa e os Festiculturas amenizarán a tarde luguesa, onde as grandes citas son o concerto de Abraham Mateo, ás 21:00 horas na Praza Horta do Seminairo, o concerto de Pepe Vaamonde, ás 22:00 horas en Santa María, ou o do lugués David Prado, ás 23:30 horas na Praza de Santa María. Como non podía ser doutro xeito, haberá verbena, a cargo da orquestra Anaconda, na Praza Maior, ás 12 da noite.

Os actos continuarán o domingo, Día das Mozas ou Día do Traxe Tradicional Galego, onde permanecerán abertos a feira de antigüidades e o San Froilán Tecedeiro. A XVIII Mostra de Música Tradicional, coa Asociación de Gaiteiros Galegos, a ofrenda floral a Rosalía, a cargo de Lupe Bao Reixa, e o XIV Festival de Cultura Tradicional marcarán o día. Vacapinta, Arrincadeira, Clave de Luna, Junkhead, Mythical Fail, Carte de Ajuste, Airiños de Orbazai, a Banda Municipal de Lugo con María do Ceo, Bebe, Xabier Díaz e as Adufeiras do Salitre e a orquestra Olympus  poñerán o son ao domingo.

Noticias relacionadas