Lugo, imaxe do cupón da ONCE deste xoves

Distribuiranse 5,5 millóns de cupóns protagonizados polo escudo da cidade, a Muralla Romana e a Catedral, “unha oportunidade única para proxectar a imaxe de Lugo por toda España”, subliñou a Alcaldesa

A edición enmárcase na serie Tu ciudad en una moneda, ofrece por 1,5 euros 55 premios de 35.000 euros ás cinco cifras

Martes, 08 de setembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o delegado territorial da ONCE, Manuel Martínez, o presidente do Consello Territorial de ONCE-Galicia, Carlos Fernández, e o director de ONCE en Lugo, Roberto Doval, presentaron este martes no Salón de Plenos o cupón da ONCE que esta organización dedica a Lugo, dentro da serie Tu ciudad en una moneda, unha colección de cupóns froito do acordo asinado entre a ONCE e a Real Fábrica de La Moneda.

Trátase do cupón do vindeiro xoves, 10 de setembro, que pertence ao Cupón Diario da ONCE (de luns a xoves) que se distribuirá por toda España coa moeda dedicada a Lugo, na que no anverso está acuñado o escudo da cidade e no reverso aparecen a Muralla Romana e a Catedral, declaradas Patrimonio da Humanidade. No acto, a rexedora recibiu unha reprodución enmarcada de dito cupón, o número 12 dos dedicados especificamente á cidade lucense, as súas tradicións, institucións e xentes, dende que a finais dos 90 a ONCE introducise ilustracións no cupón.

Lara Méndez agradeceu á ONCE “a súa imprescindible labor na sociedade, así como a súa nova colaboración para promover e difundir de xeito masivo a nosa cidade, a súa historia, patrimonio e cultura, en toda España”, posto que se distribuirán cinco millóns e medio de cupóns por todo o territorio nacional.

A rexedora fixo fincapé na “oportunidade única de proxectar a imaxe de Lugo que supón que o cupón da ONCE, comercializado por 20.000 vendedores en toda España, dedique unha vez máis unha papeleta á nosa cidade”. Deste xeito, este novo cupón súmase aos xa comercializados que homenaxeaban ao Arde Lucus, ao San Froilán, á Muralla de Lugo ou á Catedral, entre outros.

Pola súa banda, os representantes da ONCE agradeceron a boa acollida do Concello e das xentes de Lugo, que “sempre nos reciben de xeito inmellorable”. Neste senso, tamén quixeron dar as grazas pola atención dos lucenses cos valores da ONCE.

O cupón protagonizado por Lugo ofrece por 1,5 euros 55 premios de 35.000 euros ás cinco cifras.

Audio

Multimedia

Noticias relacionadas