Lugo homenaxea no Domingo das Mozas ao traxe tradicional e a Rosalía nuns actos seguidos por milleiros de persoas

A Alcaldesa e membros da Corporación recibiron á Asociación de Amigos do Traxe Galego, que ofreceu diante da Casa do Concello un desfile dunha trintena de traxes, tanto de garda, como de ir á feira e de cotío

A mestra e escritora Lupe Bao Reixa reivindica a figura de Rosalía de Castro, como “unha luz primeira, un dos primeiros regos da leira que hoxe todas sachamos”

Domingo, 09 de outubro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo homenaxea no Domingo das Mozas ao traxe tradicional e a Rosalía nuns actos seguidos por milleiros de persoas

Milleiros de persoas participaron esta mañá nos actos centrais do Domingo das Mozas, animadas polas boas temperaturas e o carácter festivo da xornada, no que Lugo cumpriu de novo coa tradición homenaxeando ao traxe tradicional galego e a Rosalía de Castro. Fíxoo da man da Asociación de Amigos do Traxe Galego, que ofreceu diante da Casa do Concello un desfile dunha trintena de traxes tradicionais, tanto de garda, como de ir á feira e de cotío.

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, acompañadas por membros da Corporación Municipal, recibiron ao colectivo, ao que lle agradeceron o seu traballo por poñer en valor e fomentar o uso do traxe tradicional galego.

Tras o desfile, membros da Corporación, ataviados coa vestimenta tradicional, veciños e visitantes trasladáronse ao Parque de Rosalía de Castro, onde tivo lugar a ofrenda floral á escritora que lle dá nome.

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, presentou á oferente a Rosalía de Castro, que este ano foi Lupe Bao Reixa, quen naceu o 12 de decembro de 1978 na parroquia luguesa de Santa Comba e é mestra de mecánica, ademais de escritora.

Tamén, é autora do libro Mecánica poética e barbaridade, escribiu en varias publicacións colectivas como a revista Xistral, Poetas en Lugo ou Un feixe de poesía. Tamén formou parte do xurado do premio narrativo Ánxel Fole, que organiza o Concello de Lugo.

Ofrenda a Rosalía de Castro
Rosalía non é para min poeta dun pasado estático. Rosalía é unha luz primeira, un dos primeiros regos da leira que hoxe todas sachamos.

Daquela que chamaban tola por atreverse a respirar nun mundo de homes somos herdeiras todas, daquela que sobreviviu a unha sociedade en contra somos todas fillas, naquela que superou a selección patriarcal da historia reflectímonos todas.

Por iso Rosalía en min é unha inspiración tan política como poética, por iso non podo escoller un só poema nin deixar de sentir actualidade nos seus versos. Porque Rosalía non é onte, nin é o día que toca, é o hoxe e o manhá e o máis aló. Por iso quero pousar os meus ollos no que ha de ser e non no que foi.

"Creeran algús, que, porque como digo tentey falar d'as cousas que se poden chamar homildes, é por que m'esprico n'a nosa lengoa. N'é por eso. As multitudes d'os nosos campos tardarán en lêr estos versos, escritos á causa d'eles, pero sô en certo modo pra eles."

Aquí me tes, Rosalía
indigna herdeira do xene da denuncia
indigna herdeira da dignidade da lingua
indigna herdeira da loita en letras
indigna herdeira da liberdade nos versos...
indigna herdeira da indignación mesma

Mais pasando e pasando diante dela,
fono os mortos aqueles prosiguindo
a indiferente marcha
camiño do infinito,
mentras cerraba a noite silenciosa
os seus loitos tristísimos
en torno da estranxeira na súa patria,
que, sin lar nin arrimo,
sentada na baranda contempraba
cál brilaban os lumes fuxitivos.

quixeron agochar trala calidade dos teus versos a fondura e a extensión dos teus berros
pero non deron
quixeron taparte con flores e paxarinhos e "Coros y Danzas" e homenaxes baleiras
pero non deron
quixeron ocultarte detrás de ti mesma
e por iso estamos aquí:
por que non deron
porque non hai portas no mar nin marcos de partilla na medra do río
máis de século e medio despois dos teus pés nesta terra
seguen a buscar o xeito de agocharnos tralas nosas virtudes
erguendo balados de cotas ás nosas capacidades políticas
negando a maioría de idade dos nosos úteros
exercendo a condescendencia nas profesións minimizadas
fendendo con chanzas a sororidade de sogra e nora
clasificando nas navetas estancas da diverxencia irreconciliable a nosa pluralidade feminista
sementando a dúbida nos peitos da acosada
xustificando os feitos na saia curta da violada
alegando emparellamentos apatriarcais na asasinada
desprezando o recente xénero da recén chegada
tecendo unha máscara de liberdade de escolla nos límites da súa pseudorrealidade imposta

"—Non cantes, non chores, non rias, non fales,
Nin entres, nin sallas sin m'o perguntare.
¡Válate San Pedro, con tanto gardarme!"

ben o sabían daquela
ben o saben agora
a muller cun libro na man é a máis perigosa
deles é o capital, nosa a liberdade
deles é o poder, nosa a razón que o ha tomar
deles é o escrito legal, nosa a xustiza que o ha enchoupar
deles a esterilización por decreto, nosa a lingua que resiste
deles son os edificios de formigón, nosas as hedras que os han cubrir
deles é o trono, nosa a choiva que o ha calmar
o mundo hase ceibar na noite do escuro
porque nin se merca nin se vende a luz da lúa chea

"Cal baten as alas negras.
—Dei á que as batan, qu'é cousa
D' os corvos facer tal moestra.
—Señor, señor... ¡como chilan!
¡Que agoreiramente berran!"

deles é o intento
pero non dan
porque nós, coma ti fixeches
apanhamos as súas faragullas
collemos a súa esmola
aceptamos os detritos do seu poder
e convertemos todo en sachos para os regos tortos da liberdade

“¿Qué pasa ò redor de min?
¿Qué me pasa qu'eu non sei?
Teño medo d'un-ha cousa
Que vive e que non se vé.
Teño medo á desgracia traidora
Que ven, e que nunca se sabe onde ven.”

porque a semente da liberdade inza en espiral:
ás veces vai á dereita como unha barca eivada á deriva polo río abaixo
pero sempre
e digo sempre con insistencia e ilusión e luz:
"sempre"
sempre avanza aberta e mira o trazo antigo coma un espello superado

"Tecín soia a miña tea,
sembrei soia o meu nabal,
soia vou por leña ó monte,
soia a vexo arder no lar.
Nin na fonte nin no prado,
así morra coa carrax,
el non ha de virm'a erguer,
el xa non me pousará."

porque ti eras, ti es
a voz das abandonadas
a voz das marxinadas
a voz das humildes
a voz das sometidas
por ser ti quen es agora nós somos
a voz da muller que nunca estará soa
a muller coa muller e coas mulleres
a muller que ama sen amo
a muller feliz sen home
a muller feliz con home
a muller feliz entre homes
a fontaneira
a pilota
a gaiteira
a camioneira
a xuíza
a mecánica
a médica
a informática
a presidenta
todas somos unha
todas falamos por todas
coma ti falaches por todas cando ningunha tinha voz

porque mentres a muller non sexa libre a humanidade será escrava

Concertos
As actuacións musicais incluídas na programación das festas do San Froilán 2016 están a contar cunha gran afluencia de público, como ocorreu na xornada de onte, na que o cantante Abraham Mateo encheu a Praza Horta do Seminario. Foron un éxito tamén os concertos de Pepe Vaamonde Grupo e David Prado na Praza de Santa María.

Nunha xornada cun forte compoñente de actividades e música tradicionais, esta noite é a quenda da Banda Municipal de Lugo con María do Ceo, ás 20.00 horas, na Praza de Santa María, Bebe, ás 21.30 horas, na Praza Horta do Seminario, Xavier Díaz e as Adufeiras do Salitre, ás 23.00 horas, na Praza de Santa María, e a orquestra Olympus, ás 23.00 horas, na Praza de Bretaña.

Multimedia

  • Lugo homenaxea no Domingo das Mozas ao traxe tradicional e a Rosalía nuns actos seguidos por milleiros de persoas
  • Lugo homenaxea no Domingo das Mozas ao traxe tradicional e a Rosalía nuns actos seguidos por milleiros de persoas

Noticias relacionadas