Lugo homenaxea ás campioas do Ensino

Venres, 04 de maio de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo homenaxea ás campioas do Ensino

As campioas do Ensino, o equipo técnico e a directiva do club recibiron este venres unha homenaxe do Concello e a Deputación no salón de plenos do consistorio lucense polo seu ascenso á máxima categoría do baloncesto feminino, a Liga Día. “Grazas en maiúscula en nome de toda a cidade por contribuír a facer de Lugo capital do deporte, por facernos gozar en cada partido e polo voso esforzo, traballo e ilusión durante toda a tempada, que culminou neste gran obxectivo cumprido”, subliñou a Alcaldesa, Lara Méndez, que presidiu unha recepción institucional, na que estiveron tamén o Deputado provincial de Deportes, Pablo Rivera, os concelleiros de Deportes, Desenvolvemento Sostible e Benestar Social, Miguel Fernández, Daniel Piñeiro e Ana González Abelleira, ademais de representantes dos grupos políticos da Corporación, o presidente do Club, Manuel Durán, e os adestradores e resto de equipo técnico, así como as familias das xogadoras.

Lara Méndez puxo en valor o plus de esforzo que tivo que poñer a plantilla do Ensino para acadar o ascenso. “Se xa é difícil conseguir este logro, cando se trata de deporte feminino moito máis, pois case todas compaxinades o deporte cos estudos, o traballo ou a maternidade”.

Así mesmo, agradeceu o traballo da “directiva saínte, un grupo de mulleres que levaba moitos anos loitando e que puxeron a semente para que despois persoas como o actual presidente, que estaban xa aí como patrocinadores defendendo e apoiando o club, deran o empuxón final para conseguir este gran obxectivo, do que nos sentimos tan orgullosos”.

Multimedia

  • Lugo homenaxea ás campioas do Ensino

Noticias relacionadas