Lugo gaña o premio Escoba de Ouro, “un recoñecemento ao bo facer do Concello, dos traballadores e dos lucenses”

A Alcaldesa subliñou que este galardón é froito da “acertada política medioambiental municipal, da implicación dos 120 traballadores do servizo de limpeza e recollida de residuos e da implicación dos 98.134 lucenses”

O Concello de Lugo recibe o premio na categoría de Municipios, Mancomunidades e Deputacións de entre 50.000 e 100.000 habitantes, xunto ao municipio mexicano de Tenago del Valle.

Mércores, 15 de xuño de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, informou este mércores de que a Asociación Técnica para a Xestión de Residuos, Aseo Urbano e Medio Ambiente (ATEGRUS), un colectivo formado por profesionais do sector, vén de conceder ao Concello o premio Escoba de Ouro 2016, un prestixioso galardón de ámbito estatal e iberoamericano, que recoñece a eficacia e o bo facer na limpeza e recollida de residuos dos municipios, empresas ou entidades, os avances tecnolóxicos e a concienciación social neste eido. O galardón supón un recoñecemento “ao bo facer do Concello, dos 120 traballadores do servizo e da implicación dos 98.134 lucenses”, subliñou a Alcaldesa, pois “contribuír a que Lugo sexa unha cidade verde e sostible é unha tarefa común e colectiva”.

A rexedora deu a coñecer o galardón acompañada do Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, quen se achegará mañá a Madrid para recoller dito recoñecemento, que se entrega no marco da Feira Internacional de Urbanismo e Medio Ambiente. É a primeira vez que o Concello recibe este premio, tras acadar a Escoba de Prata no ano 2008, un requisito indispensable para poder optar á de ouro. “Somos ambiciosos e agora traballaremos para conseguir a Escoba de Platino”, anunciou Méndez. No acto tamén estivo o delegado de Urbaser en Lugo, Jaime Martínez.

O Concello de Lugo recibe o premio na categoría de Municipios, Mancomunidades e Deputacións de entre 50.000 e 100.000 habitantes, xunto ao municipio mexicano de Tenago del Valle.

Tal e como explicou a Alcaldesa, “a nosa distinción débese á nosa aposta clara por manter e recuperar espazos públicos e mantelos en boas condicións, por favorecer a concienciación cidadá e pola aplicación das novas tecnoloxías, coa posta en marcha dunha aplicación gratuíta para móbil, denominada Liña verde, unha aplicación para facer cidade entre todos”, mediante a cal calquera cidadán pode facer consultas, notificar incidencias e acceder a toda a información relativa ao medio ambiente.

Dende a súa posta en marcha, no ano 2013, máis do 90% das incidencias comunicadas a través desta App foron solucionadas polo Concello, “o que pon de manifesto a súa eficacia e a utilidade desta ferramenta tecnolóxica ao servizo da cidadanía”, indicou a  Alcaldesa. A maioría das comunicacións recibidas refírense a parques e xardíns, recollida de lixo, limpeza e sumidoiros.

Política medioambiental acertada

O premio Escoba de Ouro pon de manifesto “a política acertada en materia medioambiental que está a levar a cabo o Concello, o que contribúe a prestar un servizo de calidade que repercute directamente no benestar dos cidadáns; e iso é o que buscamos: a mellora da calidade de vida dos veciños e o seu ben común”, asegurou Méndez.

Neste senso lembrou, que no pasado mes de marzo se activou un plan de limpeza integral por barrios que se desenvolverá ao longo de todo o ano en 12 fases distintas. Actualmente atópanse no casco histórico, tras pasar pola Ponte, A Louzaneta, Sagrado Corazón, Gándaras, Galegos, A Piringalla, A Milagrosa, Castiñeiro, Casás e Residencia, onde se acometeu o varrido mixto de rúas e bordillos, así como o desbroce de solares municipais, a limpeza de sumidoiros, de colectores e mobiliario urbano, e a eliminación de pintadas, unhas labores que se coordinan cos servizos que se prestan de forma habitual.

Ademais, o Concello reestruturou o servizo de recollida de lixo Quita e Pon para favorecer a reciclaxe no casco histórico, colocando 80 novas unidades en 30 rúas e prazas, e instalou colectores accesibles. No día de onte, o Concello informou así mesmo do dispositivo especial de limpeza e recollida de lixo activado durante a celebración do  Arde Lvcvs.

Pulo ao turismo

“Unha cidade limpa e coidada entre todos é un alicerce fundamental para incrementar o  turismo, unha meta cara a que traballamos dende que entramos no Goberno para converter este sector en fonte de recursos e de creación de emprego. Por iso, como fixemos ata o de agora, seguiremos sacando adiante novas iniciativas para que Lugo luza sempre a súa mellor cara e sexa modelo de limpeza e recollida de residuos”, concluíu a rexedora. 

Noticias relacionadas