Lugo festexa o Ano Europeo do Patrimonio Cultural rememorando o patrimonio arqueolóxico que atesoura

A Alcaldesa inaugurou a exposición Desenterrar o pasado, que serve de resumo e reflexión do acontecido na arqueoloxía nos últimos 30 anos. Poderá verse ata o 30 de setembro no Vello Cárcere

A exposición, coordinada polo arqueólogo municipal, está concibida cun sentido cronolóxico. Como recurso expositivo recórrese a fotografías de escavacións e fotoreportaxes, así como a pezas atopadas nas escavacións e a recreación en 3D

Xoves, 02 de agosto de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo festexa o Ano Europeo do Patrimonio Cultural rememorando o patrimonio arqueolóxico que atesoura

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, inaugurou este xoves, no Vello Cárcere, a exposición Desenterrar o pasado: un percorrido pola arqueoloxía de Lugo, unha mostra que serve de resumo e reflexión do acontecido na arqueoloxía de Lugo nas últimos 30 anos. Ao acto de inauguración tamén asistiu a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, o Presidente da Deputación, Darío  Campos e a Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, entre outras autoridades.
Esta mostra, co que o Concello continúa a celebrar o Ano Europeo do Patrimonio Cultural, o pon o broche de ouro ao ciclo de conferencias, que baixo o mesmo título que a propia exposición, serviu para pór en valor o rico  patrimonio arqueolóxico da cidade e a súa importancia dende o punto de vista histórico, a través de distintas xornadas, nas que participaron unhas 650 persoas.
Na súa intervención, a Alcaldesa amosou a ledicia da xornada de hoxe por poder presumir de todos os achádegos das tres últimas décadas de escavacións arqueolóxicas. Do mesmo xeito,  puxo como exemplo de dediació, con maiúsculas, por e para a historia e cultura, a Lugo, tanto con esta mostra como con outras moitas actividades que acolle o Vello Cárcere, que nun ano e medio que leva aberto xa se converteu nunha institución cultural para a cidade.
Ademais, Méndez, quen confía na resposta da sociedade a esta iniciativa, tanto polo contido, como polo espazo como por quen coordina a mostra, o arqueólogo municipal, Enrique González; puxo en valor a importancia e obrigación de conservar o pasado arqueolóxico de Lugo, pois é capaz de crear comunidade e preservar sinais e valores. Nesta liña manifestou o compromiso do Concello coa sabiduría da arqueoloxía, á que lle da un oco importante na estratexia europea de desenvolvemento sostible Muramiñae, que inclúe unha liña de actuación específica de posta en valor do patrimonio a través da arqueoloxía.
Darío Campos e Isabel Rodríguez felicitaron ao Concello e ao servizo municipal de arqueoloxía por este traballo, que debe servir de axuda para seguir construíndo Lugo, pois unha cidade ten máis futuro na medida na que coñece e valora as súas raíces.

A visión xenércia e cronolóxica da arqueoloxía
Desenterrar o pasado articúlase en varios bloques, que se desenvolven, de xeito correlativo, nas dúas plantas do espazo expositivo da zona de mulleres deste edificio convertido en centro cultural. Coa exposición, trátase de dar unha visión xenérica da arqueoloxía na cidade de Lugo dende 1986, data na que dan comezo as primeiras escavacións con motivo dos aparcadoiros subterráneos, e ata a consolidación da arqueoloxía urbana, coas escavacións nos diferentes soares de ámbito privado, pero tamén nos espazos e vías públicas; pasando pola posta en valor dalgúns dos principais restos arqueolóxicos, a investigación nos principais monumentos da cidade, como a Muralla e as Termas, e incluso do territorio circundante.

A exposición está concibida cun sentido cronolóxico, para que a persoa espectadora poida apreciar o desenvolvemento da actividade arqueolóxica ao longo destes anos, con referencia ás principais intervencións arqueolóxicas levadas a cabo en solo urbano, así como aos achados máis significativos. Como recurso expositivo recórrese ao arquivo visual da arqueoloxía lucense, con fotografías de escavación, fotoreportaxes e noticias de prensa, así como algunhas das pezas arqueolóxicas atopadas nas escavacións; sen esquecernos do uso das novas tecnoloxías, coa recreación de pezas en 3D.

Horarios
Desenterrar o pasado poderá verse ata o 30 de setembro en horario de mañá, de 11:00 a 14:00 horas de luns a domingo, e de 17:30 a 20:30 horas os martes, mércores e domingos; de 17:30 a 23:00 horas os xoves e venres, e de 17:30 a 22:30 horas os sábados en xornada de tarde.

Noticias relacionadas