Lugo exhibirá o seu potencial en artesanía nunha nova edición da feira Artenadal

Artenadal poderase visitar dende mañá sábado ata o 5 de xaneiro na carpa situada na Praza Anxo Fernández Gómez, de 11:00 a 14:30 horas e de 17:00 a 21:00 horas. Os días 25 de decembro e 1 de xaneiro permanecerá pechada

Venres, 18 de decembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A décimo quinta edición da feira de artesanía Artenadal, organizada pola Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua dentro da programación de Nadal 2015-2016, abrirá mañá sábado, ás 17:00 horas, as súas portas na Praza Anxo Fernández Gómez, onde permanecerá ata o vindeiro 5 de xaneiro en horario de 11:00 a 14:30 horas e de 17:00 a 21:00 horas. Trátase dunha feira consolidada e de referencia do sector que o Concello de Lugo pon en marcha para promover os produtos artesáns aproveitando a época de Nadal. Artenadal permanecerá pechada os días 25 de decembro e o 1 de xaneiro.

Esta edición contará con 18 postos, onde todos os lucenses e visitantes poderán mercar pezas de coiro, de cerámica, de madeira ou de costura, entre outros. Os artesáns, que durante uns 15 días venderán artesanía de calidade na carpa situada na Praza Anxo Fernández Gómez, proceden a maioría da provincia de Lugo, pero tamén doutros puntos de Galicia.

Artenadal dá a oportunidade aos profesionais da artesanía de achegar o seu traballo ao público ao tempo que lle permite aos lucenses e visitantes a descubrir novos produtos de calidade, que se converten nunha boa opción como agasallo de Nadal. Ademais, os máis cativos poderán atopar nesta feira obradoiros de scrapbooking, de cociña, de panxoliñas ou de pintura, así como representacións teatrais e espectáculos musicais. As inscricións para os obradoiros deben facerse no teléfono de atención cidadá 010 ou no teléfono 982-29-73-50 dende fóra de Lugo.

Mercado de Nadal

Mañá sábado, ás 12:00 horas, tamén abrirá o mercado de Nadal, situado na Praza Horta do Seminario. Nesta feira participarán 16 postos de artesanía, alimentación ou arte floral como D.L.B. Akery, Corporel, La Creperia, Jamones Salvador, Queixería Praza do Campo, Pastelería Maceda, Courelor, Frutigal, Las Hierbas, Artesáns de Noces, Licores Celsa, Floristería Kenia, Pitiflus artesanos, Mila artesanos, Pan de Plata Artesanos e Churrería La Moderna, que permanecerán abertos tamén ata o 5 de xaneiro. O mercado poderase visitar de 12:00 a 14:30 horas e de 16:30 a 21:00 horas, excepto o día 25 de decembro e 1 de xaneiro.

O Concello mantén aberta durante a fin de semana a pista de xeo da Praza Horta do Seminario, en horario de 11:00 a 22:00 horas, así como o carrusel infantil. No Pazo de Feiras e Congresos ofrece outra alternativa, o salón de lecer Xuvenlugo, de 16:30 a 21:00 horas. A entidade local tamén organiza unha ruta polas ribeiras altas do Miño o domingo, 20 de decembro. A saída é ás 10:30 dende a zona peonil da Ronda da Muralla con Bispo Aguirre.

O Auditoiro Municipal Gustavo Freire tamén acollerá o espectáculo de humor de Ana Morgade, mañá sábado ás 20:00 horas. 

Máis información en www.lugo.gal

Noticias relacionadas