Lugo entra na rede de cidades atractivas para a inversión Invest in Cities 2020 de alcance nacional e internacional

A alcaldesa Lara Méndez participou hoxe na presentación desta plataforma, na que estivo presente a Ministra de Industria, Reyes Maroto, e o presidente da Cepyme
 
A rexedora avanzou que é unha oportunidade para que a cidade teña presencia nos polos de captación de financiamento para fomentar a creación de emprego
 
As empresas de Lugo contarán con asesoramento e axuda para afrontar os novos retos que se presentan coa crise social e económica provocada pola pandemia
 
Lugo defende o seu poder de captación de empresas vinculadas á dixitalización e á economía verde, “acorde co modelo de cidade polo que apostamos e que é o futuro”

Martes, 28 de xullo de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo entra na rede de cidades atractivas para a inversión Invest in Cities 2020 de alcance nacional e internacional

Lugo formará parte da rede de cidades atractivas para a inversión, Invest in Cities 2020. Trátase da maior iniciativa de atracción de investimento a cidades medias españolas, que se conforma como un gran escaparate para que os municipios presenten as súas vantaxes competitivas e os seus proxectos públicos e privados co fin de atraer investimentos aos seus territorios.

Así o deu a coñecer hoxe a alcaldesa Lara Méndez, que participou por videoconferencia na presentación desta rede, acto no que estivo presente a Ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto; o presidente de CEPYME, Gerardo Cueva; e o Presidente do Grupo PGS, Pablo Gimeno; ademais dos alcaldes e representantes das diferentes cidades seleccionadas para participar nesta nova edición.

A rexedora avanzou a importancia de que a Administración Local teña un papel fundamental na reconstrución social e económica da cidade, e “máis neste momento, no que atravesamos unha crise importante derivada da pandemia e é máis necesario que nunca pór as bases para a recuperación e revitalización dos nosos tecidos empresariais”. “Temos a oportunidade de mostrar ao mundo as potencialidades de Lugo co obxectivo de atraer investimento e fomentar a creación de emprego, especialmente nas pequenas e medianas empresas, as máis prexudicadas pola crise sanitaria”.

Lara Méndez lembrou que Lugo está a ser unha cidade impulsora de proxectos vinculados coas cidades sostibles e a economía verde e circular, especialmente a través das iniciativas que se están a pór en marcha coa estratexia LIFE para a construción das cidades sostibles de futuro. “Temos que ter a capacidade de captar  empresas  “acorde co modelo de cidade polo que estamos apostando e que é o futuro”, como así indican as claves dos fondos europeos, encamiñados á construción sostible e a dixitalización da economía”, sostivo.

A través desta rede, o Concello de Lugo e as empresas da cidade poderán establecer contactos con inversores e outras empresas, co fin de atraer financiamento e crear sinerxias “que nos  permitan afrontrar os retos que temos por diante”.

A ministra Reyes Maroto deu a benvida aos municipios desta rede e puxo en valor o papel das administracións locais no desenvolvemento económico e para xerar oportunidades nun contexto post-COVID, “que permita minorar as desigualdades territoriais xurdidas desta crise”. Pola súa banda, o presidente de CEPYME, Gerardo Cueva, incidiu na importancia de crear “un clima propicio e seguro para o investimento das empresas”.

Os municipios integrados na Rede de Cidades Invest in Cities dispoñerán das seguintes ferramentas:

  • Plan de axuda urxente ás pemes das cidades participantes, a través do Plan VIVE, destinado a axudar a mediana e pequena empresas e aos autónomos para a consecución de investimento.
  • Lugo disporá dunha plataforma web, con información sobre as súas vantaxes competitivas, que axudarán a difusión das iniciativas tanto públicas como privadas.
  • As empresas contarán con apoio dunha consultoría estratéxica, do Grupo PGS.
  •  A cidade terá presencia no ‘Invest in Cities’ World Tour, que son encontros empresariais a nivel internacional.
  •  Lugo acollerá ademais, o encontro local: ‘Invest  in  Cities’, para axudar á atracción de investimento e á procura de financiamento.
  •  A cidade e o seu tecido empresaria estará presente no Cumio Nacional de cidades atractivas para o investimento: onde as cidades presentarán o seu plan de desenvolvemento estratéxico e os proxectos máis relevantes fronte a unha gran selección de investidores. Ademais, neste encontro, que se celebrará en decembro en Madrid, as empresas das cidades participantes poderán expoñer os seus proxectos e plans de expansión co obxectivo de abrir novos mercados e atopar resposta á súa procura de investimento.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobbre o "Invest in Cities 2020" | Descargar mp3

Noticias relacionadas