Lugo engalánase para recibir ao Arde Lvcvs co II Concurso de escaparates e establecementos destes festexos

Todos os interesados en participar neste certame poden inscribirse de xeito gratuíto ata o 30 de maio en xuventude@concellodelugo.org ou na Concellería de Xuventude, situada no Centro Uxío Novoneyra

Mércores, 25 de maio de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo ten aberto o prazo de inscrición para participar no II Concurso de decoración de escaparates e establecementos do Arde Lvcvs 2016. Así o deu a coñecer a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, quen subliñou que se trata dun certame posto en marcha pola entidade local en colaboración coa Federación de Comercio de Lugo e coa Asociación Provincial de Hostalerios de Lugo para promover entre os establecementos da cidade a decoración inspirada na Antiga Roma, facendo máis atractivos os locais.  

Todos os establecementos comerciais e de hostalería que se atopen no termo municipal de Lugo interesados en participar, poden inscribirse ata o 30 de maio a través do correo electrónico xuventude@concellodelugo.org ou na Concellería de Xuventude, situada no Centro de Convivencia Uxío Novoneyra, na rúa Quiroga Ballesteros, s/n, en horario de 9:00 a 14:30 e de 16:30 a 19:00 horas. Tal e como avanzou a edil, a decoración deberase exhibir como mínimo entre o 1 e o 19 de xuño, coincidino coa festa de recreación histórica. Nos escapartes deberase colocar un distintivo, facilitado polo Concello.

Establécense tres premios, un primeiro para os comercios de 800 euros, outro primeiro para os establecementos de hostalería de 800 euros; un segundo para os comercios ou establecementos de hostalería de 400 euros, e un terceiro para os comercios ou establecementos de hostalería de 200 euros. Ademais  os catro establecementos premiados serán publicados nos medios como gañadores do concurso.

O xurado estará integrado por un fotográfo, un decorador e un escaparatista, que valorarán os materiais empregados, a dificultade do proceso de elaboración, a orixinalidade, o emprego de elementos da propia actividade e a ornamentación e a vistosidade do traballo.

Audio

  • Carmen Basadre, sobre o II Concurso de decoración de escaparates e establecementos do Arde Lvcvs  |Descargar mp3

Máis info

  • Bases para o II Concurso de decoración de escaparates e establecementos do Arde Lvcvs |Descargar pdf

Noticias relacionadas