Lugo é a provincia galega na que máis aumentou o turismo durante 2010

Xoves, 09 de decembro de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Das 483.119 persoas que pernoctaron, o 19,98% fÍxoo na capital

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, xunto co Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e a Vicepresidenta Terceira, María Xosé Vega Buján, fixeron balance do número de turistas que pasaron este ano pola cidade e a provincia.

Lugo é a provincia galega que experimentou o maior incremento no número de viaxeiros durante 2010. Segundo datos do Instituto Nacional de Estatística, esta porcentaxe sitúase no 16,19%, fronte ó 14,45% da Coruña; o 9,80% de Pontevedra; e o 3,60% de Ourense.

Segundo o INE, das 483.119 persoas que pernoctaron na provincia, o 19,98% fixérono na capital. O Alcalde, José López Orozco, sinalou que estes datos coinciden co gran número de persoas que acudiron á Oficina Turística do Concello, no Centro de Interpretación da Muralla. Ata o mes de novembro recibíronse 47.237 visitantes mentres que no ano 2000, cando foi declarada Patrimonio Mundial a Muralla, o número fora de 6.787.

O Alcalde ademais felicitou á Deputación provincial polo seu labor de promoción turística da provincia da que dixo que “nos últimos 12 anos, esta é a primeira vez que se fai un planteamento global do turismo na provincia”. Tamén sinalou que “esta é unha inversión rendible e agora o que temos que facer é procurar desestacionalizar e que a xente pernocte máis tempo aquí”.

Para o Presidente da Deputación os datos do INE “son datos espectaculares que confirman que imos polo bo camiño coas nosas políticas de promoción da provincia ó exterior mediante a aposta polo medioambiente”. Veja Buján subliñou que “nun contexto de contracción do gasto, onde o turismo e un dos sectores máis sacrificados, a nosa provincia rompe con todos os promedios e previsións”.

A Deputación desenvolveu ó longo do ano iniciativas enmarcadas no ecoturismo tales como: o Galaico Expreso, o tren que o organismo provincial ofreceu como alternativa ós catamaráns ante o baleiro do Sil que levou a cabo Iberdrola, e co que logrou pasar dos 1.500 visitantes á Ribeira Sacra durante 2009, ós 20.000 deste ano; o Barco Muralla de Lugo, a aula turístico medioambiental que está a percorrer o país e coa que, só durante a súa estancia durante o San Froilán de Barcelona, 50.000 persoas coñeceron a riqueza de Lugo; o Lugo Terra, o bus que promocionou a provincia por toda a península; ou a certificación medioambiental de 21 areais lucenses que converteu á Mariña na 3º costa de España co maior número de praias de auténtica calidade, avaladas pola Unión Europea.

Veja Buján incidiu en que “é momento de afrontar novos retos”, e Gómez Besteiro apuntou que “o noso obxectivo é confirmar a Lugo como o noso destino”. Deste xeito, adiantaron que no mes de febreiro Lugo acollerá por primeira vez un congreso internacional sobre turismo, no que representantes do sector turístico público e privado de diferentes países trasladarán as súas experiencias para “estudar novas fórmulas de xestión na provincia”.

Reparto “democrático” por riba da media galega
Lugo é a provincia que distribúe de maneira máis equitativa os seus visitantes xa que do total, das 483.119 persoas que pernoctaron durante 2010, o 19,98% fíxoo na capital, e o 80,02% no resto da provincia. O Presidente salientou que “aumentamos o número de visitantes de forma democrática”. A media de Lugo é ademais maior a de Galicia: un 16,19% fronte o 11,21%.

Valoración dos asistentes
No acto, tamén estiveron os Alcaldes de Monforte de Lemos, Severino Rodríguez, e Ribadeo, Fernando Suárez Barcia. As autoridades estiveron acompañadas polo Presidente das Asociacións Provincial de Hostalería, Cheché Real, Turismo Rural de Lugo Sur, Carmen Martínez, e de Turismo Rural da Mariña, Manuel Vicente. Logo de felicitar á institución provincial, Cheché Real, apuntou a necesidade de crear en Lugo un centro de formación de Hostalería. Ó respecto, Gómez Besteiro lembrou que a Deputación xa ofreceu á Xunta as instalacións do Hotel Miño para situar dita escola sen obter ningunha reposta. Carmen Martínez explicou que malia que o rural tamén experimentou un aumento no número de visitantes, este foi menor que nas restantes zonas. Neste senso, o titular do organismo provincial lamentou que o Executivo galego baixase nun 51% a partida adicada ó fomento do turismo no rural no Orzamento de 2011. Mentras, Manuel Vicente pediu maior precisión e veracidade nas previsións meteorolóxicas para a costa.

Multimedia

Noticias relacionadas