Lugo e Lalín unen esforzos para potenciar o seu patrimonio e impulsar o sector turístico

Lara Méndez e Rafael Cuíña presentaron este mércores a XLVIII Feira do Cocido, que terá lugar na Capital do Deza o 31 de xaneiro

A Alcaldesa avanzou que lle devolverá a visita a Lalín presentando alí a 15ª edición do Arde Lvcvs

Mércores, 13 de xaneiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez e Rafael Cuíña

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o rexedor de Lalín, Rafael Cuíña, presentaron este mércores no Salón de Plenos do Concello a XLVIII Feira do Cocido, que terá lugar na Capital do Deza o 31 de xaneiro. Ao acto tamén asistiu María José López Rubal, representante en Galicia, Asturias e León de Abanca, entidade patrocinadora do evento.

No acto de presentación, Lara Méndez destacou a importancia da colaboración entre institucións para promover o patrimonio de ambas cidades e os seus recursos. “Hoxe nace unha relación frutífera entre dúas institucións, entre dúas cidades de interior que a pesar de situarse a 100 quilómetros de distancia, teñen un denominador común importante que temos que poñer en valor, a oferta turística e o noso patrimonio histórico, cultural, paisaxístico e neste caso gastronómico”, subliñou a Alcaldesa, quen reivindicou o potencial do sector turístico nos dous Concellos para impulsar o seu desenvolvemento.

“Lugo e Lalín temos moito do que falar”, asegurou Méndez, ao tempo que lle avanzou a Cuíña o interese de Lugo de buscar sinerxías con Lalín, anunciándolle que lle devolverán a visita para presentar a 15ª edición do Arde Lvcvs coa intención de atraer novos visitantes á cidade luguesa.

Ademais, a rexedora mostroulle o apoio do Concello de Lugo ao de Lalín na súa candidatura para que a Feira do Cocido, Festa de Interese Turístico Nacional dende o 2010, reciba este recoñecemento a nivel internacional, ao tempo que destacou a importancia deste certame gastronómico, que reúne a máis de 50.000 persoas ano tras ano para degustar un prato tan popular. Lara Méndez agradeceulle a Cuíña o ter contado con Lugo para promover a Feira do Cocido.

Pola súa banda Cuíña, quen tamén fixo fincapé na colaboración institucional para potenciar eventos de cada un dos Concellos, agradeceu a receptividade tanto de Lugo, “unha referencia gastronómica para o resto de Galicia”, tal e como o definiu o rexedor de Lalín, como “da excelente Alcaldesa que ten Lugo, pois é o que se transmite ao resto de Galicia vendo a súa labor diaria” para presentar a 48ª edición desta feira, que acolle máis de 50 actividades, entre as que destaca a recuperación do cocido solidario para os veciños e veciñas. O rexedor de Lalín tendeulle a man a Lara Méndez para presentar o Arde Lvcvs en Lalín, “do mesmo xeito que ela fixo con nós para presentar este cita gastronómica que honra a un prato realizado con produtos de calidade, da terra e da nosa xente”.

Bus gastronómico

Ao rematar a presentación, Méndez e Cuíña achegáronse ao fondo da Praza Maior para visitar o bus promocional da Feira do Cocido, que ten previsto percorrer varias cidades galegas e algunha do norte de Portugal. Neste autobús ofréceselle ao público unha degustación gratuíta de cocido en esencia, froito da nova xeración de cociñeiros de Lalín.

Audio

Multimedia

  • Bus gastronómico

Noticias relacionadas