Lugo e Braga foron nomeadas socias de honra da festa de Astures e Romanos que se celebrou esta fin de semana en Astorga

Luns, 28 de xullo de 2014
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, participou onte, en Astorga, nos actos da festa de Astures e Romanos, nos que a cidade de Lugo foi nomeada socio de honra desta festa, xunto coa Cámara municipal de Braga.

Carmen Basadre tomou parte nunha recepción, no Concello de Astorga, que estivo a cargo da Alcaldesa, Vitorina Alonso, e do Presidente da Asociaicón de Astures e Romanos, Rubén Martínez González. A cidade de Braga estivo representada no acto pola Concelleira e Vareadora de Cultura da Cámara municipal, Lidia Dias.

Basadre explicou que este acto inscríbese no acordo de colaboración firmado polas tres cidades da Gallaecia fundadas por César Augusto, unidadas dende aquela pola Vía romana XIX.

“Con ese acordo, as tres Cidades Augusteas comprometémonos a poñer en valor e traballar conxuntamente pola cultura e a historia que nos une”, segundo destacou a Concelleira de Cultura.

Tamén lembrou Basadre que esta iniciativa de colaboración foi promovida polo Concello de Lugo, dende a Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua e a primeira expresión desa cooperación foi a celebración das I Xornadas Arqueolóxicas das Cidades Augusteas, enmarcadas no Lvcvs Cvltural, celebrado, como todos os anos, nas semans previas ó Arde Lvcvs. Froito desa colaboración foi tamén a participación das tres cidades nos obradoiros de cociña que se levaron a cabo e mesmo nas festas do Arde Lvcvs.

Multimedia

Noticias relacionadas