Lugo duplica o ratio legal de taxis adaptados, sendo o primeiro concello de Galicia con 5 vehículos para persoas con mobilidade reducida

Prestan servizo durante os 365 días do ano, 24 horas do día. O Concello, dado o incremento da demanda dos taxis, que no que vai de ano atendeu preto de 300 servizos, outorga un total de 10.000 euros para a adaptación de ditos vehículos

O Concello dispón de axudas para os usuarios destes taxis adaptados, que cubre ata 800 euros por persoa e ano, a excepción das persoas empadroadas na zona rural, casos nos que o límite máximo é de 1.000 euros

Xoves, 04 de maio de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo duplica o ratio legal de taxis adaptados, sendo o primeiro concello de Galicia con 5 vehículos para persoas con mobilidade reducida

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana Abelleira, acompañada do Voceiro Municipal, Miguel Fernández, presentou este xoves os 5 taxis adaptados cos que conta Lugo, sendo 2 destes vehículos adecuados para persoas con mobilidade reducida novos. Deste xeito, Lugo é o primeiro concello de Galicia que duplica o ratio marcado pola lei autonómica de accesibilidade e supresión de barreiras, que está no 5%. Na visita tamén estiveron presentes membros da Asociación de Taxis de Lugo, RadioTaxi e de Auxilia, cuxo representante, Aquilino González, agradeceu ao Concello a subvención desta iniciativa, "un paso máis dentro do pulo de accesibilidade que hai en Lugo", ao tempo que chamou a seguir completando o puzzle da accesibilidade universal.

Estes taxis prestan este servizo durante os 365 días do ano as 24 horas do día. Así o explicou durante a presentación a edil, quen subliñou que o municipio conta con 69 licenzas en Lugo. O Concello, dado o incremento da demanda deste servizo, que no que vai de ano atendeu preto de 300 servizos, 101 o pasado mes de abril, outorga subvencións nominativas para o funcionamento de cada un dos vehículos adaptados, un total de 10.000 euros, 2.000 por taxi.

Ademais, o Concello, na súa aposta pola eliminación de barreiras, tanto arquitectónicas como de garantir a igualdade nos servizos, dispón de axudas para os usuarios destes taxis adaptados, o denominado bono-taxi, e que cubre ata 800 euros por persoa e ano, a excepción das persoas empadroadas na zona rural, casos nos que o límite máximo é de 1.000 euros. Para estas axudas, o Goberno destinou na última convocatoria 9.000 euros.

Audio

Noticias relacionadas