Lugo disporá de fondos do Eixo Atlántico para un estudo sobre mobilidade

O Alcalde reúnese co Secretario xeral do Eixo Atlántico que se ofreceu a actuar de mediador para que o Concello de Lugo obteña fondos europeos adicados á investigación

López Orozco destaca a importancia da cooperación entre cidades de Galicia e o Norte de Portugal e Vázquez Mao propón celebrar en Lugo os Xogos do Eixo Atlántico 2017

Xoves, 16 de abril de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Alcalde e Vázquez Mao durante a xuntanza

O Alcalde, José López Orozco, reuniuse hoxe co Secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoan Vázquez Mao, co que tratou sobre os proxectos de futuro con especial interese para Lugo da entidade que agrupa a 38 concellos de Galicia e o Norte de Portugal.

O Alcalde salientou a oportunidade que supón o Eixo Atlántico como plataforma para que as cidades de Galicia e o Norte de Portugal traballen coordinadamente e salvar así o hándicap que supón estar situados na periferia de Europa.

López Orozco tamén lle agradeceu ó Secretario do Eixo Atlántico a información facilitada sobre proxectos europeos como o chamado Horizonte 2020. Neste sentido, o Alcalde informou de que na xuntanza abordouse a posibilidade de optar, coa axuda que suporía contar co Eixo Atlántico como intermediario, ás novas convocatorias de fondos europeos.

Pola súa parte, Vázquez Mao deu conta de que o Eixo quere facilitarlles ós concellos que poidan acudir á convocatoria de fondos do Horizonte 2020, que están vinculados á investigación, en asociación con centros tecnolóxicos e salientou que, deste xeito, poden obterse axudas europeas para financiamento de proxectos en materia de mobilidade, terceira idade ou novas tecnoloxías aplicadas ó turismo. A este respecto, indicou que Lugo xunto con A Coruña está sendo un dos referentes polo seu traballo en proxectos como o Smart City.

Explicou tamén que na xuntanza de hoxe perfilouse un proxecto, que se levaría a cabo con fondos do Eixo Atlántico, para realizar un estudo sobre mobilidade no término municipal de Lugo e os concellos lindeiros.

Por último, o Secretario do Eixo Atlántico avanzou a proposta de traer a Lugo, en colaboración coa Deputación provincial, os Xogos do Eixo Atlántico correspondentes á edición de 2017. Vázquez Mao destacou que éste é un evento dunha semana que move a 2.000 persoas, sen contar ós familiares, coa conseguinte repercusión para o sector hostaleiro, e salientou tamén o efecto que ten para o turismo pola importancia que supón a difusión da imaxe da cidade que acolle o Xogos.

Vázquez Mao destacou tamén, en materia turística, a colaboración iniciada o ano pasado, no marco do Eixo Atlántico, por Lugo e Braga aproveitando o pasado romano das dúas cidades que permitiu ampliar a difusión da festa do Arde Lucus na rexión norte de Portugal. 

Audios

Multimedia

  • O Alcalde e Vázquez Mao durante a xuntanza

Noticias relacionadas