Lugo disporá de dous quioscos con aseos públicos e gratuítos na Praza Maior e Santo Domingo

A alcaldesa, Lara Méndez, anunciaba hoxe que a Xunta de Goberno aprobará esta semana o procedemento da concesión do uso privativo destes espazos.

A adxudicación, que se reserva a centros especiais de emprego de iniciativa social, será por un prazo de doce anos e partirá dunha taxa mínima anual de 136 euros por cada m² que ocupen as instalacións.

A rexedora amosou a súa satisfacción polo reinicio desta actividade “de gran utilidade pública e co que queremos dar resposta a unha demanda social que existía dende hai tempo na cidade”, afirmou.

Martes, 05 de xullo de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo disporá de dous quioscos con aseos públicos e gratuítos na Praza Maior e Santo Domingo

Lugo capital disporá proximamente de dous quioscos que contarán, ademais, con aseos públicos e gratuítos para a cidadanía. Estarán ubicados na Praza Maior e Santo Domingo, segundo anunciou hoxe a alcaldesa, Lara Méndez.

A rexedora sinalou que esta semana a Xunta de Goberno autorizará o procemento de concesión do uso privativo destes espazos para iniciar os trámites da adxudicación que se reserva a centros especiais de emprego de iniciativa social ou a empresas de inserción.

“Queremos cumprir así cunha demanda que existe dende hai tempo na nosa cidade, retomando unha actividade de gran utilidade pública que nos permitirá, á súa vez, seguir traballando e avanzando na integración laboral de colectivos vulnerables como xa estamos a facer, tamén, a través doutras prestacións ou de iniciativas como poden ser o Plan de Embelecemento Urbano ou o Muramiñae Rehabilita”, subliñou Méndez.

A alcaldesa lucense explicou, así mesmo, que a concesión, que terá unha vixencia de 12 anos, se rexerá a través da Ordenanza (número 154) que regula as taxas pola utilización privativa da vía pública con este tipo de instalacións. Establecéndose un canon mínimo anual de 136 euros por cada m² que ocupen coas mesmas.

“Irán aloxados nos seus emprazamentos anteriores por considerarse estes como os máis axeitados, tanto polo arraigo que tiña o servizo nestes puntos como pola súa utilidade – ao ser dúas localizacións céntricas e con moita afluciencia – e pola súa conveniencia, xa que non precisa de obra nova para a súa conexión ás redes de subministración enerxética e de distribución e saneamento de augas”, referiu a rexedora.

Lara Méndez avanzou, alén, que “os quioscos poderán funcionar todos os días do ano, como mínimo dende 08:30 a 20:30 horas, agás o 24 e 25 de decembro e o 1 de xaneiro que poderán permanecer pechados, polo que agardamos que a súa próxima apertura sexa tamén unha importante oportunidade laboral para moitas persoas”.

Pola súa banda, a tenenta de alcaldesa e edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, deu conta das especificacións técnicas que se requiren.

“Os quioscos deberán ser dunha tipoloxía e medidas similares (4’80 x 2’18 e 3’85 metros de altura) ao modelo que había anteriormente, adaptándose, en todo caso, á normativa vixente no Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI) e os aseos deberán ser accesibles e contar cun pulsador para a súa apertura, admitíndose portas articuladas desplegables a modo de expositor”, sinalou.

A concelleira responsable da área económica do Concello aclarou tamén que tanto o enganche como o consumo de electricidade correrá a cargo do ou da beneficiaria da autorización que terá, entre as súas obrigas, que facer fronte á conservación do dominio público outorgado en condicións de aseo, seguridade, salubridade e ornato público correspondéndolle, alén, manter os baños ou latrinas en correctas condicións de hixiene e limpeza.

Logo da aprobación, mañá mércores, por parte do Executivo, a Administración local publicará o anuncio da licitación no perfil do contratante e abrirase un prazo de presentación de documentación de 20 días hábiles.

As ofertas, segundo trasladou Alvarellos Fondo, serán avaliadas fundamentalmente con criterios económicos “obtendo 10 puntos a que teña o canon anual máis alto e 0 puntos as que presenten o mínimo establecido”.

“A nosa vontade é que a súa tramitación se resolva dunha maneira áxil para permitir que estes dous quioscos estean operativos canto antes. O máis importante é poder dar cumprimento a unha reclamación cidadá que existía no municipio, recuperando un servizo que era moi apreciado entre a veciñanza do mesmo xeito que procuramos fomentar non só o emprego senón, a través del, a inclusión social”, concluiu Paula Alvarellos.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a licitación dos Quioscos | Descargar mp3

Multimedia

  • Lugo disporá de dous quioscos con aseos públicos e gratuítos na Praza Maior e Santo Domingo

Noticias relacionadas