Lugo difundirase como destino termal nunha nova guía turística da Eurorrexión

Carmen Basadre vén de participar nunha xuntanza de traballo do Foro Termal do Eixo Atlántico, onde se decidiu elaborar dita publicación, que estará lista a finais de ano. Repartiranse 60.000 exemplares tanto en hoteis, balnearios e oficinas de turismo

Mércores, 31 de xaneiro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo difundirase como destino termal nunha nova guía turística da Eurorrexión

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, vén de participar nunha xuntanza de traballo do Foro Termal do Eixo Atlántico, en constitución co obxecto de impulsar a promoción termal da Eurorrexión, dado o potencial turístico que este recurso natural posúe.

Na reunión, que tivo lugar no Auditorio Municipal de Caldas de Reis, acordouse levar a cabo accións para a promoción de hábitos biosaudables, a investigación en colaboración coas universidades, a promoción conxunta dos destinos termais, captación de recursos de financiamento con programas e planos europeos ou a formación e visibilidade dos recursos propios, tanto termais como históricos e patrimoniais. En concreto,  durante a reunión decidiuse elaborar unha guía do termalismo da Eurorrexión, que estará lista a finais de ano. Esta acción levarase a cabo a través dunha comisión presidida polo concello de Ourense. Repartiranse uns 60.000 exemplares destas guías en hoteis, balnearios e oficinas de turismo.

Entre outras accións, porase en marcha tamén un Club da Auga, co obxectivo de favorecer a compra de augas de excelencia da Eurorrexión, así como ofertas termais e promocións das cidades. A Eurocidade Chaves-Verín será a encargada de presidir a comisión que xestionará esta actividade.

Vaise elaborar tamén un inventario das necesidades do termalismo, que serán trasladadas aos gobernos rexionais, nacionais e a Unión Europea. O concello de Caldas de Reis presidirá esta terceira comisión.

Durante a reunión acordouse tamén a organización dun Seminario de Intercambio de Experiencias,  que aborde o estado do termalismo na Eurorrexión e as medidas para impulsalo, así como estudar as posibilidades de financiamento comunitarias para algunhas destas actividades.

As cidades participantes acordaron que o presidente do Foro Termal sexa Nuno Vaz, alcalde do concello portugués de Chaves.

Por último, tamén se acordou que o foro estea integrados unicamente por concellos termales, se ben o sector privado participará por invitación dos alcaldes

Esta rede termal ten como misión desenvolver unha estratexia conxunta de divulgación, promoción e posta en valor do termalismo e a cultura e patrimonio termal da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, ao que se sumará a promoción do intercambio de boas prácticas e a participación conxunta en proxectos e iniciativas de todo tipo.

Noticias relacionadas