Lugo despide o mes de abril con danza clásica e contemporánea

Carmen Basadre, Isabel Méndez e Teresa Neri presentaron a V Semana da Danza, que terá lugar do 25 ao 30 de abril no Auditorio Municipal Gustavo Freire

Xoves, 21 de abril de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo despide o mes de abril con danza clásica e contemporánea

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, a directora do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo, Isabel Méndez, e unha representante das escolas de danza de Lugo, Teresa Neri, presentaron este xoves no Salón de Plenos a V Semana da Danza, que terá lugar do 25 ao 30 de abril no Auditorio Municipal Gustavo Freire.

Durante a presentación, Basadre mostrouse satisfeita polo éxito que acadou a Semana da Danza nas catro edicións anteriores e fixo fincapé tanto “en facer visible, dar a coñecer e divulgar todos os recursos culturais que temos en Lugo, para que a xente coñeza que somos unha cidade cultural” como en expoñer ao público a actividade de danza que se fai na cidade.

Pola súa banda, Méndez e Neri agradeceron o apoio do Concello coa Semana da Danza, que nesta ocasión rende homeanxe a Cervantes, no 400 aniversario do seu pasamento; ao tempo que deron a coñecer o programa.

A programación arrincará o luns ás 20:00 horas cunha mostra de repertorio de Danza Clásica a cargo do alumnado de Grao Profesional da Especialidade Danza Clásica do Conservatorio de Danza de Lugo. Ao día seguinte, o Ballet Norte e centros de danza de Galicia interpretarán un fragmento de Don Quixote en dúas sesións, unha ás 11:30 horas para escolares de primaria e as 20:00 horas para todos os públicos. Este espectáculo terá un custe de 6 euros. As entradas poderán adquirirse en www.galitickets.com e unha hora e media antes do espectáculo no propio auditorio.

O mércores o percusionista Diego Bentosos e o grupo de danza contemporánea interpretarán The Mathematics of the Resonant Bodies. Para o xoves está organizado un concurso coreográfico, onde se presentarán os traballos sobre Nacho Duato realizados polo alumnado do conservatorio. Para finalizar, o venres celebrarase un encontro de centros de danza de Galicia, para conmemorar o Día Internacional da Danza.

Danza na rúa

Paralelamente, terán lugar actividades das escolas de danza de Lugo na Praza Maior, o luns, martes, mércores e xoves, ás 18:00, 18:30, 19:00 e 18:00 horas respectivamente, a cargo de Gravitty, Star Dance, Ritmo Lugo e Espazo 10. O HULA tamén acollerá talleres de humanización en pediatría, dirixidos a amenizar aos nenos e nenas que se atopan hospitalizados. O sábado 30 de abril, ás 19:00 horas no Gustavo Freire, actuarán todas escolas de danza de Lugo.

Audio

Máis info

Noticias relacionadas