Lugo dedica este sábado a sacar á luz os escenarios da represión franquista

Ás 12:00 horas, o Concello estreará no Vello Cárcere a exposición Memoria perdida, de Miquel González. Está composta por 36 fotos, tomadas en distintos puntos de España e é unha homenaxe á memoria perdida do franquismo

O Concello organiza esta mostra, que poderá verse 1º andar do Vello Cárcere ata o 2 de maio. Realizaranse dúas visitas guiadas á mostra, unha o sábado ás 18:00 horas e outra o domingo, ás 12:00 horas, a cargo do propio autor

O resto da xornada matinal de sábado xira en torno á música. Por un lado, o Auditorio Municipal Gustavo Freire será o escenario da actuación de Gustavo Almeida dende as 20:00 horas, e o Vello Cárcere, o do concerto de Celina da Piedade, a partir das 21:00 horas

Xoves, 14 de marzo de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo dedica este sábado a sacar á luz os escenarios da represión franquista

A programación cultural do Concello para esta fin de semana, en concreto para o sábado, dedícase, por unha banda, a sacar á luz os escenarios da represión franquista.

Ás 12:00 horas, o Concello estreará no Vello Cárcere a exposición fotográfica Memoria perdida, de Miquel González. A mostra está composta por 36 fotos, tomadas en distintos puntos de España e é unha homenaxe á memoria perdida do franquismo.

En Memoria perdida, o fotógrafo, que naceu en Alemaña fillo de emigrantes cataláns, retrata aquelas fosas comúns, cunetas, barrancos, descampados ou paraxes en onde se produciron os fusilamentos dos represaliados durante a Guerra Civil e a represión franquista. Aínda hoxe, os corpos de 114.000 persoas desaparecidas seguen nestes lugares e moitos deles non foron excavados nin homenaxeados. A exposición vai máis aló da busca e o retrato de fosas comúns, pois pretende sacar ás vítimas das cunetas e devolverlles un pouco de dignidade.

O Concello organiza esta exposición, coa que colabora a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, que poderá verse no primeiro andar do Vello Cárcere ata o 2 de maio, de luns a domingo. Realizaranse dúas visitas guiadas á mostra, unha o sábado ás 18:00 horas e outra o domingo, ás 12:00 horas, a cargo do autor da exposición.

O resto da xornada matinal de sábado xira en torno á música. Por un lado, o Auditorio Municipal Gustavo Freire será o escenario da actuación de Gustavo Almeida, unha actividade enmarcada na programación de Artes Escénicas do Concello para o primeiro semestre do ano. Presentará o seu cuarto disco a partir das 20:00 horas, ofrecendo un concerto de 80 minutos en formato banda, onde Gustavo, ademais de pola súa guitarra, estará acompañado por batería, percusión, baixo, teclado, guitarra acústica, guitarra eléctrica, metais e coros. Un formato que permite respectar ao 100% a sonoridade do disco, coa dinámica e a versatilidade moi características de Gustavo Almeida.

Este cuarto disco do cantante e compositor galaico-brasileiro foi gravado en Valencia, baixo a dirección de Nacho  Mañó, recoñecido produtor de artistas como Alejandro Sanz, Nena  Pastori, Presuntos Implicados, entre outros…Este disco supón un importante paso na carreira de Gustavo Almeida, tanto pola solidez do repertorio, como pola excelencia da gravación.

O importe das entradas é de 10 euros en zona A e 8 euros en zona B. Existe desconto do 20% para persoas en paro, menores de 30 anos, pensionistas e actores e actrices asociados á Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG). As entradas poderán mercarse a través do portal web entradaslugo.es e na  Oficina Municipal de Turismo, na Praza do Campo, ata 3 horas antes do comezo de cada función; e no auditorio, o día da función, desde unha hora e media antes do comezo do espectáculo.

Un anaco máis tarde, ás 21:00 horas, o Vello Cárcere acollerá un dos concertos do ciclo de Músicas Mesturadas. Será o de Celina de Piedade, acordeonista, cantora e compositora, con tres álbums en solitario. A entrada é libre ata completar cabida.

Noticias relacionadas