Lugo cumpre coa tradición e homenaxea ao traxe tradicional e a Rosalía nuns actos seguidos por centos de persoas

A xornalista Tonina Gay gaba a figura de Rosalía de Castro, a “patroa dos escritores galegos”, 130 anos despois do seu pasamento cunha intervención na que repasou as achegas á obra da autora que tivo ao longo da súa vida

O fenómeno Auryn encheu con máis de 8.000 persoas a Praza Horta do Seminario onte pola noite, xornada na que todas as actuacións musicais contaron cunha gran afluencia de público

Domingo, 11 de outubro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Homenaxe ao traxe galego en Lugo

Animadas polas boas temperaturas e o carácter festivo da xornada, centos de persoas participaron esta mañá nos actos centrais do Domingo das Mozas, no que Lugo cumpriu de novo coa tradición homenaxeando ao traxe galego e a Rosalía de Castro. Fíxoo da man da Asociación do Traxe Galego, que ofreceu diante da casa consistorial un desfile dunha trintena de traxes, tanto de garda, como de ir á feira e de cotío.

A Alcaldesa, Lara Méndez, acompañada por membros da Corporación, recibiu ao colectivo, ao que agradeceu o seu traballo por poñer en valor e fomentar o uso do traxe tradicional. Méndez destacou que o Domingo das Mozas “ten un significado moi especial, por ser o primeiro que vivo coa responsabilidade de ser Alcaldesa, pero tamén porque durante 20 anos tiven o orgullo de levar por España e polo mundo adiante o baile tradicional vestindo un destes traxes, símbolo do noso maior valor e potencial: a cultura e a tradición”.

Tras o desfile, membros da Corporación, ataviados con vestimenta tradicional, veciños e visitantes trasladáronse ao parque Rosalía de Castro, onde tivo lugar á ofrenda á escritora que lle dá nome, este ano, por decisión unánime da Corporación, a cargo da xornalista Tonina Gay, “unha das primeira mulleres que traballou nas ondas, unha virtuosa da palabra e da comunicación que homenaxea a outra gran comunicadora, a escritora galega máis universal, que pon a Galicia no mapa”, subliñou a Alcaldesa.

Tonina Gay, quen mostrou a súa “honra” porque a Corporación a designase oferente, gabou a figura de Rosalía, “a patroa dos escritores galegos”, 130 anos despois do seu pasamento, cunha intervención na que repasou as diferentes achegas que tivo á obra da autora ao longo da súa vida, dende nena e ata 1975, cando “se normalizou o contacto con Rosalía”. Gay lembrou que o Día das Letras Galegas naceu en 1963 para conmemorar a edición de Cantares Galegos. “Dende entón, cada 17 de maio é lembrado e homenaxeado un escritor galego, pero tamén Rosalía”. A xornalista ofreceu catro flores para poñer en valor que “por primeira vez na historia temos en Lugo unha muller Alcaldesa”; a declaración dos camiños de Santiago como Ben Mundial; a Muralla, “rodeada recentemente de tractores”; e a dedicación do Día das Letras do 2016 ao poeta chairego Manuel María.

A Alcaldesa agasallou á Asociación do Traxe Galego co libro Os Caneiros do Miño e unha insignia da Muralla, e a Tonina Gay, co último número da colección San Froilán dos Devanceiros, titulado A orixe das festas modernas e contemporáneas, obra de Adolfo de Abel Vilela.

Concertos

As actuacións musicais incluídas na programación das festas do San Froilán 2015 están a contar cunha gran afluencia de público, como ocorreu na xornada de onte, na que o fenómeno Auryn encheu a Praza Horta do Seminario con máis de 8.000 persoas. Foron un éxito tamén os concertos de Siniestro Total e Arrhythmia na Praza de Santa María.

Nunha xornada cun forte compoñente de actividades e música tradicionais, esta noite é a quenda de Luar na Lubre, ás 20.00 horas, na Praza Horta do Seminario, Flavia Coelho, ás 21.30 horas, en Santa María, Verano Tassoti, ás 22.30 horas, no Patio do Seminario, e a orquestra Trébol, ás 23.00 horas, na Praza Maior.

Multimedia

  • Homenaxe ao traxe galego en Lugo
  • Homenaxe ao traxe galego en Lugo

Noticias relacionadas