Lugo converterase esta fin de semana na capital dos vehículos históricos e a maquinaria antiga

A primeira edición da Feira de Vehículos Históricos e Maquinaria Antiga terá lugar o 17 e 18 de outubro no Pazo de Feiras e Congresos e conta coa colaboración do Concello

Xoves, 15 de outubro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Presentación da Feira de Vehículos Históricos e Maquinaria Antiga

O voceiro municipal e Concelleiro de Medio Rural, Miguel Fernández, o presidente da Asociación Lucense de Automóbiles Antigos, Rubén Abelairas, o xerente do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, Rubén López, e o responsable da organización do evento, Francisco Roibás, presentaron este xoves a primeira edición da Feira de Vehículos Históricos e Maquinaria Antiga, que terá lugar os días 17 e 18 de outubro no Pazo de Feiras e Congresos e coa que colabora o Concello.

Miguel Fernández dixo que “esta feira permitiranos volver ás nosas orixes e recordar como eran os vehículos e a maquinaria de antano, polo que poderemos ver a evolución de distintos medios de locomoción, como automóbiles, motocicletas, tractores, maquinaria agrícola ou bicicletas”. Tamén haberá recambios dos medios mencionados anteriormente, ademais de miniaturas, roupa ou publicacións automobilísticas como pósteres, revistas e manuais.

Francisco Roibás explicou que “se trata de vehículos históricos e maquinaria de máis de trinta anos e en diferentes estados de conservación”. De tal xeito que nesta feira haberá material agrícola moi difícil de ver hoxe en día, como unhas segadoras de tracción animal de principios do século pasado, ou unha desgranadora manual. Ademais poderán verse coches e motos dos anos vinte, ou un coche de bombeiros moi singular.

Horarios da feira

A feira poderá visitarse o sábado de 10:00 a 20:00 horas e o domingo de 10:00 a 19:00 horas. O prezo da entrada é de 5 euros e é gratuíta para os menores de 12 anos.

Todas as persoas que pertenzan a unha asociación ou club clásico, ou quen visite a feira cun vehículo clásico terán un desconto no prezo da entrada, tendo que pagar só 3 euros.

Audio

  • Sobre a I Feira de Vehículos Históricos e Maquinaria Antiga |Descargar mp3

Noticias relacionadas