Lugo controlará as condicións climáticas nas novas urbanizacións na súa aposta polo barrios neutros en carbón

O fin é deseñar os barrios segundo as variables do clima para acadar aforros enerxéticos e de emisións contaminantes, creando tamén zonas exteriores confortables para a veciñanza

Lara Méndez avanza que se desenvolverá unha primeira planificación para o barrio multiecolóxico das Gándaras, o primeiro de España, no marco do LIFE Lugo+Biodinámico

O estudo das zonas de confort climático, en proceso de licitación, incluirá tamén unha área xa construída, a praza de Agro do Rolo, para incorporar solucións de mellora na contorna

Venres, 08 de xaneiro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo controlará as condicións climáticas nas novas urbanizacións na súa aposta polo barrios neutros en carbón

O Goberno de Lara Méndez dá un novo paso no seu obxectivo por anular as emisións de gases de efecto invernadoiro en Lugo, neste caso co deseño de barrios neutros en carbono que permitan unha cidade máis resiliente ante o cambio climático.

A rexedora apunta neste senso, que “o actual comportamento das cidades é unha das causas principais da emerxencia climática, polo que en Lugo traballamos para cambiar o paradigma na planificación urbana co fin de que sexa máis sostible”, polo que, engade, “con esta actuación proxectada no marco do LIFE Lugo+Biodinámico, queremos aportar solucións de deseño nos barrios en función das variables climáticas, tanto nas edificacións como nos espazos públicos, o que nos permitirá reducir as emisións contaminantes así como o consumo de recursos materiais, auga e enerxía e crear unha rede acolledora de espazos no exterior confortables para a veciñanza.”.

Con este obxectivo, o Concello de Lugo iniciou a licitación dunha asistencia técnica que elabore un estudo piloto de planificación detallada de zonas de confort climático, que se centrará no novo barrio das Gándaras, o primeiro multiecolóxico de España, que incluirá, ademais desta  urbanización de nova creación, a análise dun espazo xa existente, a praza de Agro do Rolo. “Desta xeito, proxectaremos zonas residenciais con maior calidade de vida, pero tamén analizaremos como mellorar algunha das xa construídas”, apuntou Lara Méndez.

A intensidade dos efectos do microclima nos barrios depende de multitude de factores, entre os que destacan a estrutura urbana, a presenza ou non de vexetación, os materias de construción das urbanizacións e a calor e as emisións xeradas polos mesmos, a topografía do terreo ou as características climáticas locais como o vento ou a temperatura.

Por iso, o estudo recollerá a caracterización microclimática da área de intervención, determinando as coordenadas solares, os ventos dominantes e os índices de humidade, así como o aproveitamento das horas de sol, a cuantificación das necesidades térmicas e a descrición os factores que determinan o microclima local, entre outros factores.

Ademais, o traballo aplicará o estudo climático á morfoloxía do barrio para definir a orientación das rúas e das edificacións, así como os espazos urbanos e os criterios de deseño dos espazos entre edificios, como o uso da vexetación, a selección de materiais de urbanización e o emprego de cubertas axardinadas e fachadas vexetais.

Todas as solucións que se propoñan, que se incorporarán ao deseño final do barrio multiecolóxico, deberán contar cunha avaliación e incorporar unha ferramenta de simulacro do comportamento climático do espazo a microescala.

“Ante a previsión dun futuro climático adverso, pretendemos que a urbanización das Gándaras dependa maioritariamente dos recursos locais renovables nos servizos básicos urbanos, como a mobilidade, a iluminación ou a xeración de residuos”, asevera Lara Méndez.

Espazos xa existentes e concienciación

Ademais, o estudo que se contratará deberá realizar a análise dunha zona xa construída, a Praza de Agro do Rolo, e aportar propostas orientadas a mellorar este espazo público no ámbito do confort climático.

Co fin tamén de incentivar a concienciación na loita contra o cambio climático na poboación lucense, o Concello organizará varias actividades divulgativas para dar a coñecer os resultados do estudo, entre elas unha exposición que será itinerante.

Esta acción forma parte da estratexia municipal LIFE Lugo+Biodinámico, coa que o Concello impulsa unha transformación sostible e verde da cidade con apoios dos fondos europeos e a colaboración da Deputación de Lugo e do Campus Terra, da Universidade de Santiago, e da Universidade Politécnica de Madrid.

Noticias relacionadas