Lugo continúa en outubro “o seu verán para enmarcar” de viaxeiros

No pasado mes rexistráronse 4.545 visitas á Oficina Municipal de Turismo, o que supón un incremento dun 30% con respecto ao número de visitantes do outubro do pasado ano, e dun 38% con respecto ao mesmo mes do 2014

Os espazos expositivos do Concello recibiron máis de 3.600 visitas. A Casa dos Mosaicos, a Domus do Mitreo e o MIHL foron os museos máis visitados, con máis do 90% das visitas totais

Martes, 08 de novembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Durante o pasado mes de outubro rexistráronse 4.545 visitas á Oficina Municipal de Turismo, unha cifra que supón un incremento dun 30% con respecto ao número de visitantes do outubro do pasado ano. En relación a outubro do 2014, o número de visitantes que se achegaron á Praza do Campo incrementouse nun 38%. Así o deu a coñecer este martes a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, quen defendeu a política de promoción turística de Lugo emprendida polo Concello e insistiu nas porcentaxes de diferenza con respecto a outras tempadas, que poñen de manifesto que o turismo no municipio non soamente se incrementa no verán, senón que se prolonga, debido a aspectos relacionados con cultura e lecer. O día no que máis visitantes se achegaron á Oficina Municipal de Turismo foi o domingo, 9 de outubro, con máis de 500 persoas, rexistrando este servizo municipal unha media diaria de 147 demandantes de información.

Tal e como avanzou Carmen Basadre, Madrid e Castela e León son os lugares de orixe do 25% dos visitantes. Por comunidades, séguenlles os de Asturias e os de Andalucía. En canto aos visitantes foráneos, foron os alemáns, os franceses e os americanos, os que máis interesados se mostraron en coñecer a cidade de Lugo en outubro, 531.

3.600 visitas aos museos municipais

Segundo indicou Basadre, cada mes e cada ano aumentan tamén os datos dos visitantes aos museos lugueses, sendo máis de 1.300 os visitantes á rede museística municipal con respecto a outubro do 2015. Os espazos expositivos do Concello acolleron a visita de máis de 3.600 visitantes. A Casa dos Mosaicos, a Domus do Mitreo e o MIHL son os máis visitados, con máis do 90% das visitas totais.

Lugo, a cidade máis económica para aloxarse en novembro

“Lugo, como xa dixemos varias veces, está e vén estando de moda moitos meses”, subliñou a edil ao tempo que anunciou que comparador de prezos de hoteis e viaxes www.trivago.es vén de declarar a Lugo como o destinos máis económicos de España para aloxarse en novembro, cun prezo por noite de 57 euros, cunha diferenza de máis de 64 euros con respecto á máis cara. Ademais de Lugo, atópanse nesta lista, Castellón, Salamanca, Burgos, Lleida e Murcia.

Esta nova distinción servirá, unha vez máis, para reforzar o aumento de viaxeiros que recibiu a cidade no último ano, e para incrementar a pernoctación no municipio, a dúas ou tres noites, “porque Lugo ten moito que dar de si mesmo”. Este recoñecemento súmase ao de cidade máis económica en xaneiro e ao de Destino Recomendado 2014, que tamén lle outorgara Trivago a Lugo.

Audio

  • Carmen Basadre, sobre o balance de visitas á Oficina Municipal de Turismo |Descargar mp3

Noticias relacionadas