Lugo conmemora o Día Mundial da Fibromialxia e o 25 aniversario do recoñecemento da enfermidade pola OMS

Venres, 12 de maio de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo conmemora o Día Mundial da Fibromialxia e o 25 aniversario do recoñecemento da enfermidade pola OMS

Lugo acolleu este venres actos conmemorativos con motivo do Día Mundial da Fibromialxia e o 25 aniversario do recoñecemento da enfermidade pola Organización Mundial da Saúde (OMS), que consistiron na instalación dunha mesa informativa e de cuestación na Praza Maior e na lectura dun manifesto, a cargo da Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez. Participaron membros da Corporación municipal, ademais de doentes e familiares, e representantes das asociacións ALUFI e AGAFI.

O manifesto lido pola rexedora é o seguinte:

Hai 25 anos que a Organización Mundial da Saúde recoñeceu a Fibromialxia, incorporándoa como entidade clínica na clasificación internacional de enfermidades. Foi un paso moi importante en un camiño largo e angosto que, salvo honrosas excepcións, recorriamos en soidade.

Nestes 25 anos conseguimos singularizar unha enfermidade hoxe considerada "paradigma da dor crónica" e introducila nas axendas sociais, profesionais e políticas.

Iniciamos este proceso identificando a raíz do problema e loitando contra o descoñecemento e ignorancia, reticencias e sospeitas... incluso desprezo.

Fomos avanzando con paciencia, constancia, complicidades e reivindicacións. Gañando en recoñecemento e respecto, por un lado; e mellora no diagnóstico e tratamento, por outro.

Todo isto sen estridencias, sen chantaxes, sen descalificacións. Co noso esforzo e compromiso persoal e social pero, sobre todo, coa razón que emanaba de todo un colectivo de enfermos e coa forza dunha asociación como AGAFI-Asociación Galega de Fibromialxia que traballou e traballa con afán, seriedade, profesionalidade e firmeza.

Un colectivo e unha entidade que foi capaz de crear un movemento reivindicativo e que un ano máis, alzamos a voz para facer escoitar as reivindicacións que consideramos prioritarias para nós:

  • Recoñecemento por parte de profesionais, institucións, axentes sociais e a sociedade en xeneral.
  • Investigación para lograr un mellor diagnóstico, tratamentos e detección precoz.
  • Acceso ao traballo, sexa mediante a adaptación dos postos de traballo, sexa mediante novas fórmulas de inserción laboral.
  • Xustas prestacións sociais cando a gravidade da enfermidade non nos permita traballar.
  • Mellora da atención sanitaria.

Neste 25 aniversario, tamén consideramos que é o momento de abrir o círculo da singularización e, por iso, tendemos a man a todos os afectados por enfermidades que cursan con dor crónica, para unir as nosas forzas e facer fronte común contra as problemáticas que compartimos.

Problemáticas que son froito de non encaixar nun Sistema Sanitario e Social preparado e dirixido, preferentemente, a tratar procesos agudos e a avaliar discapacidades en función de parámetros mal cualificados e priorizados como obxetivables, mantendo invisible o carácter invalidante da Fibromialxia.

Ignorando que, precisamente, a dor é un dos parámetros determinantes da calidade de vida dunha persoa e, no noso caso, é omnipresente na nosa vida.

Neste ano de aniversario, sentímonos orgullosos da nosa loita e decisión de antano.

Pero tamén neste ano de aniversario, miramos cara o futuro con renovada decisión e con novos obxectivos e retos.

E emprazamos a todas as persoas, entidades, colexios profesionais, sociedades científicas, servidores públicos e administracións a unir ilusións, forzas, decisións e políticas sociosanitarias para dotar a todos os cidadáns da mellor calidade de vida posible, no marco dun Sistema Sanitario e Social Xusto, Accesible, Equitativo, Igualitario e de Calidade.

Nada máis e nada menos.

12 de Mayo de 2017. 25 aniversario do Recoñecemento da Fibromialxia pola Organización Mundial da Saúde.

Noticias relacionadas