Lugo clama por unha sociedade que deixe de ser valente para ser libre

A Alcaldesa, o Presidente da Deputación e outros membros da Corporación Municipal e Provincial sumáronse ás actividades, organizadas por Concello e Deputación para conmemorar o 25N

Os actos incluíron unha Camiñada contra as violencias, a lectura dun manifesto, unha ofrenda floral e unha actuación musical, entre outros

Lara Méndez puxo o acento na loita diaria contra esta lacra, que chega á altura de terrorismo, e que no que vai de ano asasinou a 44 mulleres e 8 menores, "unha situación insostible para calquera sociedade que se considere democrática, pois estamos a falar do máis elemental dos dereitos humanos, o dereito á vida"

Venres, 23 de novembro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo clama por unha sociedade que deixe de ser valente para ser libre

Lugo clamou este venres por unha sociedade que deixe de ser valente para ser libre. Así o amosou a cidadanía participando nos distintos actos que organizou o Concello, xunto coa Fundación TIC, dependente da Deputación de Lugo, ao longo desta mañá, para conmemorar o 25N: Día Internacional Contra a Violencia de Xénero. A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana Abelleira, xunto a outros membros da Corporación Municipal, o Presidente da Deputación, Darío Campos, e o Deputado de Relacións Instituicionais e a Deputada de Promoción Económica e Social, Álvaro Santos e Sonsoles López, respectivamente; tamén quixeron sumarse ás diversas actividades, nas que se homenaxou ás vítimas de violencia machista, 44 mulleres e 8 menores no que vai de ano, só en Galicia 3 mulleres, "unha situación insostible para calquera sociedade que se considere democrática, pois estamos a falar do máis elemental dos dereitos humanos, o dereito á vida".

Os actos arrincaron na Escola de Imaxe e Son, onde comezou unha Camiñada contra as violencias. Alí repartíronse paraugas negros a todas as persoas participantes que tinguiron as rúas do centro da cidade de loito. Esta andaina fixo diversas paradas, unha na Praza de Pío XII, onde tivo lugar unha representación teatral, outra na Praza de Santa María, onde se puideron visualizar viñetas contra a violencia e unha terceira no templete da Praza Maior, lugar no que se leron dous poemas e se escoitaron dviersas cancións machistas, cun discurso en contra. Posteriormente, diante a Árbore da Vida leuse un manifesto e fíxose unha ofrenda floral. Ao seu remate, Ruth León, xunto a David Taboada, interpretou Ni un segundo; e fíxose un lanzamento de confeti negro. Os actos finalizaron na Praza de San Marcos, coa posta en escena dunha peza de danza.

Ao comezo dos actos, a Alcaldesa puxo o acento na loita diaria contra esta lacra, que chega á altura de terrorismo, e que, polo tanto, xa é un problema de Estado. "É inconcebible, e non podemos consentir estes asasinatos", subliñou Méndez, ao tempo que chamou a atallar este problema dende a administración local, autonómica e estatal, con implicación real, consignando partidas para a prevención e a protección. Así mesmo tamén pediu centrar esforzos na educación en igualdde para ter unha sociedade xusta.

Nesta ocasión, o manifesto foi lido por  Ana Belén Amado Tijeiro, muller gandeira que a día de hoxe se dedica á ensinanza, coñecedora das dificultades desta lacra social e comprometida co sistema educativo. Acompañada por 35 alumnos e alumnas, Amado púxolle voz a un manifesto que, ademais de loubar o traballo de mobilización e concienciación dos diferentes movementos de mulleres, reiterou o compromiso do Concello e o Foro de Igualdade pola erradicación das violencias contra as mulleres; amosando, ademais, o firme rexeitamento a quen as exerce e á complicidade de quen as silencia.

Audio

Documento

Multimedia

  • Lugo clama por unha sociedade que deixe de ser valente para ser libre

Noticias relacionadas